Opinión

Otero Pedrayo e a memoria de Nós

De iren vostedes á exposición sobre a xeración Nós en Gaiás -ou de visitárena logo en Ourense, de febreiro a finais de abril de 2021- verán unha grande presenza de Otero Pedrayo. E isto non se debe a que un dos comisarios da mesma sexa, na actualidade, secretario da Fundación de Trasalba, senón a algo máis importante e transcendente. Cóntolles.

Otero, cando empeza a revista, si pero non. Participa con certa distancia, aínda que nominalmente desde o principio. Risco así llo comenta en repetidas ocasións a Losada Diéguez, incluso coas súas palabras grosas habituais en fases de enfado e no ámbito reservado que son as cartas. Si. Creo que ata certo punto é unha faltada desvelar pasado o tempo os epistolarios completos, pois o dito, e no ton dito, é para o destinatario amigo, ou a nai, ou o pai, e non pensadas para transcenderen ao público. Nunca é o mesmo falar desde unha tribuna que tomando un viño cun amigo. De forma máis suave e matizada que na correspondencia, conta Vicente Risco esta lentitude de Otero nun artigo da revista Céltiga de Buenos Aires do ano, creo, 1926. Será uns anos despois da súa fundación, pouco antes de mediados os vinte, cando se poña a toda máquina e máxima produción.

Pero hai outras cousas. Otero, pola súa posición, pola forma de ser, pola paixón pola palabra dita, pola faceta social empática do seu cristianismo, tamén pola súa boa saúde, participou dun xeito moi activo en canta actividade lle ofrecían. E isto antes e despois da guerra. E lembremos a situación dos principais protagonistas de Nós na posguerra. Castelao, en América, exiliado, lonxe e enfermo ata que morre en 1950. Florentino Cuevillas, case inmobilizado na casa pola enfermidade, dedicado exclusivamente á arqueoloxía, morre en 1959, no mesmo ano que Ramón Cabanillas. Vicente Risco, fóra do ámbito galeguista -non está activo no IPSEG, nin participa en Galaxia, nin na recuperación da casa de Rosalía, nin nas emisións da BBC, nin case en ningún proxecto común-. A conexión de Risco foi, sobre todo, cos artistiñas e escritores noviños e sen prexuízos.

E Otero? Pois Otero Pedrayo foi o único da xeración que sobreviviu a Franco. Morreu en 1976 e estivo activo de forma absoluta desde os anos corenta en canta iniciativa cultural podía existir no país. Desde os seus artigos en galego a finais dos corenta, á súa participación ilusionada na Universidade entre 1950 a 58; desde a súa presenza constante como mantedor de festas, actos, celebracións populares -como a Festa da Mimosa en Carballiño, Feiras do Viño do Ribeiro, por citar dúas-, como cronista oficial da cidade de Ourense, como presidente de Galaxia e como conferenciante e impulsor da galeguización da Real Academia Galega desde 1942. En fin. Que Otero foi o que nas tertulias e aulas de Santiago, nas visitas de amigos e estudantes á solaina do pazo de Trasalba, nas charlas polas rúas de Ourense ou na proximidade cos médicos, ou no seu percorrido misional polos camiños da Galicia territorial e americana -tres viaxes a América fixo- e polos camiños de España alá onde houbese comunidades galegas, sempre se esforzou en transmitir a memoria de Nós, e axudou a formar ese mito de identificación colectiva hoxe existente. Sen Otero e sen o esforzo e testemuño secundario da xeración seguinte - Filgueira, Xocas, Fraguas, Ben Cho Shey, Bouza Brey e uns poucos máis- non había memoria de Nós. Benzón aos gardiáns da memoria neste centenario.

Te puede interesar