Opinión

Outono quente

Arregañan ou ourizos riseiros e deitan as castañas fóra neste lento tempo outonizo que resiste entre o verán delongado ata a canseira dos máis e as xiadas que se albiscan ameazantes nas mañás frías que presaxian o inverno caroal que virá logo. 

As setas, arestora, pelexan devecentes por incharse na lentura da noite ou cunhas pingas cristalinas desa auga que brilla nos menceres nas arañeiras tecidas entre o toxo; lembranzas, como bágoas saudosas, do orballo da friaxe noitébrega. Os cogordos, os choupíns, os fungos todos eles, queren democraticamente, un agromar súpeto e coordinado en chans estrados de folla seca, mol e cantareira, sexa polos aires fondos e remexedores do bosque, sexa polas farpas dos gatos libres do monte, polas poutas do porco bravo, ou polos pés trepantes dos mozos que alí pasean. Outono de mala fama que se é quente, seica, trae ao demo no ventre. E este, coas moscas derradeiras, aínda amolando ao neno no berce, ao vello canso, frotando as patiñas entre as faragullas de pan sobre as mesas, o outono vai comendo bocados de claridade, día a día, deica a Santa Lucía. Axiña chegará outro tempo, o tempo de inverno, recollemento e chocolate no acubillo do fogar.

En fin, unha disgresión lírica vello estilo, pode ser, se cadra, a cobiza da fuxida da realidade dun presente con desacougos, desconcertos, de destino incerto, se cadra.

O mundo da sociedade real, viva, vai andando. E faino bastante ben. Pero o desacougo mediático e político, como nos ensina a historia, pode chegar a estragar todo. O meu bisavó Gumersindo tivo que ir á guerra de Cuba porque non tiña para pagar a outro que fora no seu lugar -daquela era cousa corrente e legal- e ao final, co paso dos anos, ata lle tiveron que cortar unha perna por culpa... por culpa... Eu bótolle máis culpa á prensa de Madrid que á metralla incrustada nunha emboscada nas cienagas de Cienfuegos. E que a prensa daquel momento, exaltando un patrioteirismo disparatado, chegou a debuxar -El País de 18 abril 1898- un león, o das Cortes de Madrid, trabando nas súas partes pudendas un porco que vomitaba moedas -o trasunto dos Estados Unidos- como significado da inmediata derrota do Yankee. A sinrazón que seguiu á sensata postura antibelicista dos tempos precedentes, quentou ás opinións públicas ata o desastre. Unha das responsabilidade dos que escriben é non encirrar as xentes senón axudar a construír consensos e solucións. 

E si. Hoxe o desacougo político, a inestabilidade, a falla de empatía dos dirixentes e da simpatía ou mínima corrección entre eles, desconcerta ao cidadán que asiste case atónito e cada vez máis despreocupado e distante aos sucederes cotiáns da cousa pública. 

Resultaría curioso que todos os partidos políticos pensasen en Ourense que o fixeron ben. Tal parece. O de repetiren todos os cabezas de lista nas eleccións de Ourense ten esa unívoca lectura. Para todos o seu esforzo foi xusto e digno de recoñecemento e aplauso popular. Pero cos mesmos actores, co mesmo reparto, cos mesmos guións e nos mesmos escenarios, difícil é pensar que a obra de teatro sexa outra. Pero se cadra si. Queda un factor. O factor. O reparto de papeis. E niso todos están de acordo. Queren cambiar. O alcalde de hoxe, loxicamente, quere maioría absoluta. Os das oposicións, por suposto que tamén. As posiblidades de combinacións dos tres grandes son as mesmas... Voume volver ó lirismo. As respostas están todas acochada entre nas volutas neboentas do bafo da Burga.

Te puede interesar