Opinión

As outras linguas de Nós

Con motivo da exposición sobre o centenario de Nós que hai repartida entre o Marcos Valcárcel e Afundación na Praza Maior -e cuxa visita non lles faría mal ningún- voulles contar algunhas cousas relacionadas co tema. Hoxe será das linguas da revista Nós. Como ben saben, Nós é unha publicación monolingüe en galego. Risco, o principal ideólogo das mesma, tiña claro que non podía ser doutro xeito se se trataba de prestixiar a lingua propia e, ademais, que o gato e o rato non poden comer no mesmo prato. Sabían, aínda que non o dixesen con estas palabras, que calquera bilingüismo nunha comunidade compacta etnicamente é unha situación de tránsito. Así pois, a lingua da revista é unívocamente o galego. Pero claro, con pequenos matices. Para empezar, hai unha notable presenza do portugués. É marca distintiva da casa, pois outros galeguistas, os do grupo coruñés, traducían de portugués a galego cando publicaban n’A Nosa Terra. Así, na páxina 3 do número 1 de Nós, xusto despois das “Primeiras verbas”, o primeiro texto que topa o lector é un poema en portugués de Teixeira de Pascoaes. No número 2, na mesma terceira páxina, hai un poema en francés dedicado á cidade de Coimbra da pluma do lector da lingua gala na universidade desa cidade, Phileas Lebesgue. No número tres, chégalle a ocasión ao catalán, por única vez: trátase dun pequeno artigo de Tomás Garcés titulado “Letres catalanes: Angel Guímera”. No número 4 é todo en galego, incluso unha tradución dun poema de autor armenio feita por Risco partindo do italiano. No 5, tamén na paxina tres, outro poema en francés de Lebesgue, gabando a cidade de Vigo. Deica a fin da etapa auriense (verán de 1923) é ben visible a vontade de apertura ao sur e aos ventos galos. O portugués volver ter presenza só a partir do ano 1929, pero xa en cuestións arqueolóxicas e etnográficas, ou de actualidade, pero non de creación literaria. En total hai case vinte artigos en portugués, as dúas achegas ditas en francés e, tamén, cinco en italiano. Un compañeiro de Lebesgue, este lector naquela universidade pero de italiano, Guido Batelli, publica versións nesa lingua de cinco poemas: un do andaluz Francisco Villaespas e catro de galegos, entre eles “Nel giardino, una notte seduta” -o coñecido por “Unha noite na eira do trigo”- de Curros e outro de Lamas Cavajal, “Pianto”. 

Completan estas rarezas lingüisticas un par de textos etnográficos versionados en bretón e galego -sen dúbida a través do francés- da autoría de Castelao un, e outro de Núñez Búa. Textos en inglés ou alemán, as outras linguas de cultura europea, non hai, aínda que si traducións delas ou algún comentario de libros. Entre elas, a famosísima e repetidísima versión do Ulysses de Joyce de Otero, de agosto de 1926, e que sospeito inducida por Vicente Risco, autor dun par de artigos que amosan grande coñecemento da situación sobre “A moderna literatura irlandesa”, nos que moito se cita a Joyce e publicados ese ano, nos meses de febreiro e marzo. 

A publicidade é sempre en galego, agás un par de anuncios de editoriais lusas na súa lingua e unha clínica médica santiaguesa que só o primeiro día -creo que erro editorial- aparece en castelán.

A presenza do catalán, do italiano, do francés e incluso os exotismos do bretón e as traducións do armenio ou do inglés amosan unha vontade de mostrárense como cosmopolitas vocacionais, mentres que o uso normalizado do portugués é algo máis, amosa unha vontade risquiá resumida na despedida dunha súa carta a Teixeira de Pascoaes de 1925: “Nós: cómpre non esquecer qu’iste plural somos todos, das dúas bandas da raia...”. 

Te puede interesar