Opinión

Panen et circenses, de novo

Cando o escritor romano Juvenal, na súa Sátira X, ironizaba sobre o desinterese mutuo entre o mundo da política e o pobo romano dicía exactamente, e permíntanme o latín, que está ben de cando en vez sacar o avó do armario: “… iam pridem, ex quo suffragia nulli uendimus, effudit curas; nam qui dabat olim imperium, fasces, legiones, omnia, nunc se continet atque duas tantum res anxius optat, panem et circenses”. Ou sexa, máis ou menos: “Hai xa tempo, desde que non lle vendemos os votos a ninguén, o pobo pasou de preocupacións; pois se noutro tempo outorgaba o mando, os honores, as lexións, todo, agora, todo se atura e só se desexan con ansia dúas cousas, pan e xogos de circo”.

Pois a Comisión Europea, co tema do cambio de hora, creo que, intencionadamente ou non, bota un globiño que nos vai facer estar entretidos un tempo. É curioso. Seica houbo unha consulta en internet, aberta, na que falaron uns pouquichiños europeos, sobre todo alemáns, os máis seguidores das cousas da Unión. E eu, que como aquel paisano que rindo contestaba a pregunta sobre o cambio dicindo: “A min tanto me ten. O que fagan ‘eles’ a min, váleme”, creo que é cuestión absolutamente menor e que pouco ten que ver co principal e máis transcendente que é o cambio de horarios de vida. Pero en fin, vaiamos polo principio. Apostaríalle un par de cervexas, querido lector, a que vostede non sabía que se celebrara tal “referendum” antes de que falasen na televisión. E ademais está a trampa. Só contestan, só se interesan, os que están pola opinión contraria ao que hai.

Imaxine vostede un referendum na rede: “Considerada vostede que se lle deben arrancar os testículos aos violadores?”. Supoño que vostede terá tan claro coma min o resultado. Deste xeito, se lle preguntan na rede: “Está vostede a favor de que se supriman os cambios de hora?”, contestarán, loxicamente, os incomodados co tema... mentres que á maioría da xente nin se preocupa do asunto ata que salta á palestra. E aí, uns por enredar, outros porque así o cren, outros por dicir, como dicía un concelleiro que durmía nos plenos da Praza Maior nos tempos da II República en Ourense cando o espertaban para que votase: “Eu, coa maoría”, pois todos se apuntan ao carro. Europa e vontade popular... dous deuses maiores. Trampa. Se esta suposta case unanimidade dos españois contra o cambio, se matiza con outra pregunta: “Quedamos co horario de verán ou de inverno?” Aí o perigo: cando baixamos do cháchara á cousa concreta, o esgazamento territorial sería obvio. Uns turrarían por un, outros polo outro. E se gañan “os outros” quedariamos os galegos dúas horas fóra do anglo-lusitano que tanta cobiza.

En fin, o importante é o cambio de hábitos. Os vellos, cando se rexían polo sol e non polo telediario, falaban da comida das “doce” para falar do xantar do medio día, que agora facemos sobre as tres. Pero todo é hábito. Hai un par de anos, polo San Martiño, en Italia -co mesmo fuso horario ca nós, pero moito máis para alá- comentáballe os amigos profes de alí o disparate de que se fixese aqueles días de noite alí ás catro e media da tarde. Eles sorprendíanse da nosa sorpresa e dicían que o disparate era erguerse de noite e chamarlle “sete da mañá” cando eran “da noite”. Todo ten moitas reviravoltas, desde logo. E como nalgo hai que enredar, é mellor nisto que noutra cousa máis ruín. 

Te puede interesar