Opinión

Que pasa coa fundación Casdemiro?

Paseo na alta noite ourensá. Veño do Belén de Baltar, da vella capela do cirurxián aragonés fundada nos comezos de 1520, e veño escoitando o ecoar dos meus pasos por ese longo treito da rúa no que as casas apertadas rodean, cal falanxe de ferro ben tecida, a cidade polo leste. Unha auténtica rúa da cerca esta Hernán Cortés de nome alleo e imperial. Chego á casa dos Cadórniga e lembro, polos textos, as revoltas medievais, señores desmedidos, atacaren a sinagoga... e imaxino como verían desde a casa, desde a Penavixía, as chamas irmandiñas consumindo o Castelo Ramiro. E mentres, sorrío e revivo noites no Turco, especialmente a do 31 de decembro de 1991. Sigo camiñando abeirado por arcos tapiados, edificios caídos, predios abandonados, soares con fachadas ergueitas só apoiadas en soportes metálicos, insulto aos vellos escudos da fidalguía da rúa. Paso pola cima da Fonte dos Coiros, praza de San Marcial en lembranza dunha das poucas vitorias do exército español, das tropas de Galicia, fronte aos franceses do xeneral Soult, o 31 de agosto de 1813 na raia entre o País Vasco e Francia. Si. A praza de San Marcial, a Fonte dos Coiros, a vella Carnicería ou Macelo dos Brancos, hoxe máis ca nada, a praza do Grándola, onde estaba o vello Porrón da nosa mocidade e, antes, agoniando o XIX, a primeira da Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense. 

E paso por detrás da Torre dos Brancos, o vello Arquivo Histórico de Ferro e Olga, agora de Pablo, e paso por diante da pequena porta de atrás do Museo, e vexo ao lonxe a cara máis fermosa da Catedral, desde o comezo da rúa Monterrei, a que acolleu no recanto do desaparecido trampantollo, o primeiro cuartel da cidade, cando as tropas liberais perseguían carlistas, alá polos trinta do XIX.

E chego á praza do Trigo que lle chamaban os vellos aínda “A Fonte Nova”, lembranza, claro, da súa construción a mediados do XVIII. E na praza abráiame a escenografía pétrea. Catedral. Ameas. Arquivoltas. Casas antigas. Soportais macizos. Fachadas modernistas. Son da auga no chafariz. Luces e sombras que bailan na noite. O reló da catedral marca ritmos desde 1430. E miro desacougado o edificio da esquina da rúa San Quintín, cos seus altos arcos, cos seus pisos de pedra rematados en construción pintada en elegantísimos vermellos pompeianos e galerías de madeira, restaurada en 2009, hai dez anos, para a Fundación Casdemiro, chamada a dinamizar o espazo a través da cultura. Pero vexo que faltan cristais aquí e alá: un, dous, tres, catro, cinco, seis... E vexo que entran pombas. E penso no interior dun pombeiro. E penso en libros alí. E penso na auga que cae. E penso no que sofre a memoria de Ogando. Non coñezo a letra pequena. Non me interesa o que se oe de herdanzas e preitos; nada estraño, en calquera caso. Pero hai que xestionar o desencontro e buscar solucións. Nada xustifica que falten cristais e que o que foi fermosamente restaurado caia arruinado polo tempo. Teñan, señores, un pouco de coidado, agarimen o seu mentres pasen as correntes apestadas... que outras virán. Dicía Rosalía. De Castro.

Te puede interesar