Opinión

Pasear e correr

Opinión

Pasear e correr

Saben vostedes que o tema do deporte popular, isto é que todo o mundo exercite as súas condicións físicas máis alá do recreo o divertimento que inicialmente significaba, é recente. Hai un simpático texto de Otero falando dun señorito moi ourensán do século XIX no que dicía que o home nunca se apuraba, xamais, e que tal aconsellaba aos amigos porque, argüía, os que o visen andar apurado ou correr, poderían pensar que tiña présa ou incluso, o que era peor, que tiña unha obriga ou traballo que facer.

O mundo mudou no último século e agora música e deporte están como preferencias principais dentro da nosa sociedade. E unha das actividades máis normais é o botarse a correr como posesos. E chámanlle por anglicismo parvo e evitable, “running”, ou sexa, “correr” pero en xerundio que é como eles din. Certamente é unha actividade para a que non se precisan moitas instalacións e ten a vantaxe de estar en contacto coa natureza e poder modular un a cantidade de esforzo, etc. Pero tamén hai outra moita cantidade de xente que prefire —preferimos— andar, pasear. Ir deica Velle ou Outariz por pór dous exemplos, sen urxencias visibles, gozando do son das augas e do pole das árbores e, talvez, dunha conversa coa persoa coa que se comparte o pracenteiro e demorado exercicio do paseo.

Ben, agora con isto da movida -que movida!- do “escornavirus”, temos que andar cun novo complemento de vestimenta, moi do século XXI, que vimos en chamarlle en galego fino e peneirado “máscara”, en galego castelanizado “mascarilla” e no popular “bozo”, cunha ampliación semántica do “bozo” que levan os animais no fociño, e que sería tan razoable, como chamarlle “pluma” ás estilográficas. Existe en galego -e en castelán tamén- a palabra “embozado” para significar coa cara tapada... Un “cabaleiro embozado” que cruza a Praza Maior para unha electrizante partida de xadrez, é o protagonista do relato “Xaque Mate” de Méndez Ferrín, para min o mellor, da segunda metade do XX. Ou un deles. E agora andamos todos nós embozados por coidar, sobre todo, da saúde das persoas coas que nos cruzamos, para que non aspiren as “micropingas” que exhalamos naturalmente ao falar, especialmente ó pronunciarmos consoantes fricativas, f, x, s, c. Xa é clásico o anuncio “a miña máscara protéxete a ti, a túa a min”. 

Pois ben, creo que as disposicións coas que se trata de regular o seu uso, cumpría complementalas para facer compatible a convivencia entre “paseantes” e “corredores”. Explícome. Entre as excepcións do uso da máscara, á par dos enfermos, figuran aqueles cuxas actividades deportivas así o precisen. Ou sexa que, os que andan correndo, loxicamente, poden ir a cara descuberta. Ben. E como sabemos que cando un corredor pasa bafexando ao noso lado deixa unha estela, non de metro e medio, senón incluso de dez metros, pois creo que si, que se deberían sinalar espazos para que os que lles dea por aí, poidan correr o que lles pete en “furrichar” micropingas, ou que o fagan entre eles. Si. O caso é que se vou, digamos á Chavasqueira, dando un paseo, crúzome con non menos de vinte ou trinta persoas correndo como posesos en ambas direccións, os que me veñen de fronte e os que me adiantan. E ningún problema en que sexan os corredores os que van por aí, pero entón que non corran pola beira do Barbaña ou que nos deixen aos paseantes a zona de Oira. Ou ó reves, como queiran. Parece xusto, se eu levo a máscara para portexerte a ti, ti non podes pasar correndo ao meu lado, descuberto, acorado e bafexante.