Opinión

Pendello? Sí, graciñas

Como esta cidade está chea de vellos, dito isto sen ningunha intención pexorativa senón simplemente constatadora da eficacia demoledora do calendario e da nosa feliz e estendida lonxevidade e fuxindo de eufemismos, digo, moitos lembrarán cando saían os “coches de línea” de cadansúa parada, segundo a localización da empresa. Na propia rúa de Santo Domingo, ao lado do Coime, sala de xogos mítica do anos 50 e que debeu pechar mediados os 60, estaba a administración dunha empresa -se cadra a Trives- que tiña a saída dos buses no comezo da rúa de Buenos Aires, onda as Mecedes. Outras liñas saían de Doutor Fleming -alí collín eu o Pereira para ir a Coruña examinarme á Escola Oficial de Idiomas, que en Ourense non había-, e outras -Castromil e Ampián, creo- da confluencia de Sáenz Díez con Florentino Cuevillas... Alí teño levado paquetes, que esta forma de envío era a propia antes de existir Seur e cousas semellantes e antes de que o medo ao terrorismo e á delincuencia maior fixese perder a confianza nos envíos das xentes comúns. E todo isto, nunha época no que había dez ou vinte veces máis de actividade de autobuses de liña pola provincia adiante, e moitos menos coches privados. Despois, como sabemos todos, construíuse unha estación de buses que, sen medo a enganarme, creo que era a peor de España. Nunha ubicación que facía case imposible o acceso a pé desde a cidade, cunha escaleiras sen pés nin cabeza para baixar ou subir das dársenas turrando dunha maleta costa arriba, lonxe da estación de tren, sen lugar para aparcaren os coches preto, etc., etc. Por demais fea, desenxelada e fría.

Por iso, o outro día cando fun ao tren buscar unha filla que viña de Santiago, quedei sorprendido polo acceso directo desde o andén do tren á estación de autobuses nova. Entrei e, perdóenme as voces dominantes, pero saben que como ás troitas, compráceme levar a contraria ás correntes de opinión, gustoume. Non vou dicir que me marabillara, pero como o óptimo é inimigo do bo, creo que é cousa boa. A súa localización a distancia razoable do conxunto da cidade, o número de dársenas -13-, a posibilidade de compartir servizos - cafetería, baños, taxis- coa ultraconectada estación do tren, etc. fan que sexa un avance digno. Claro que hai que adecentar os espazos verdes, axustar cousas, etc., pero para o movemento que ten, só lle vexo ventaxes. 

A conxestión do tráfico que os detractores anunciaban creo que vai quedar no mesmo punto que a prognosticada para o enlace do acceso centro da autovía, pouca cousa. O volume de movemento de buses é o que é. Ademais, dado o período de vacas fracas que vén, ben visible por todos, menos mal que nos colleu con ela feita. Como saben, eu creo que non é precisa unha nova estación de tren, e nin sequera a reviravolta desde Taboadela -variante exterior, seica- que evite a fermosa entrada actual do tren. Si. Creo que a cidade de Ourense ten unha das mellores entradas de toda España. Nada de entrar por suburbios e zonas estragadas. O fermoso prolegómeno do barrio de San Francisco é seguido dun túnel que, ao saír, xa nos sitúa nun elegante viaduto desde o que se ten unha vista fugaz e privilexiada da Ponte Nova, da Ponte Vella, do monte do Seminario... Unha fermosa tarxeta de presentación. Si, señores, o que temos é boa cousa. Gústame o acceso centro que tantas dúbidas suscitou, gústame o paso do tren polo viaduto, gústame a estación de tren e esforzaríame en mellorala, e gústame a súa conexión coas dársenas de chegadas e saídas dos autobuses.

Te puede interesar