Opinión

Pensando no tema

Como dicía o outro...”, encántanme esta indefinición galaica que se usa cando un quere facer unha mención de autoridade difusa para non involucrarse tanto como se a idea fose propia, pero botando boa man dela. Pois ben “o outro” dicía cando mo dixo: “Non sei nada do tema, pero podo pensar sobre el”. Efectivamente, moitas veces non sabemos máis ca o xusto para ir indo, pero podemos pensar sobre algo. O covid-19, por exemplo. Arestora outro tema non lles hai. Toda a nosa vida, desde que pecharon as casas e o mundo e logo nos fixeron andar enmascarados, xira ao redor do covid-19 e as súas consecuencias. Así que permítanme darlles unha opinión escéptica dunha persoa que non sabe de medicina -por sorte están os médicos- pero quere pensar sobre o asunto.

Imos cunha novidade: aínda que cada día algo máis, non se sabe moito. Certo que se un está pechado na casa ten poucas posibilidades de contaxiarse, pero tamén de que o pique un alacrán ou de ter un accidente de coche. Lembran cando nos dicían que o bicho -plumbeo daquela-caía antes do metro cando saía das bocas? E agora a OMS di que se transmite polo aire. Falaban da inmunidade colectiva -o de rabaño gústame tan pouco como o de “sujeto pasivo” de Facenda- e agora comproban que xente que pasou pola enfermidade de forma sintomática e grave acaba perdendo a inmunidade aos dous ou tres meses. E eu creo -xa digo sen saber de medicina, pero aplicando lóxica básica- que de conseguir facer esa vacina, a inmunidade non sería maior ao de ter pasado unha fase aguda da enfermidade. Ou sexa que sería só por uns meses. Se a da gripe hai que cambiala de ano en ano polas mutacións, parece lóxico pensar que esta debería levar unha historia paralela: adaptacións novas continuamente. E complica a cousa estaren varias mutacións activas á vez. Lembran que para sacarlle ferro e non asustarnos teimaron en informarnos ao principio de que coronavirus era tamén a catarreira normal? E eu podo pensar que se non hai vacina contra o simple trancazo é posible que non a haxa nunca contra este covid-19. Moita investigación médica non garante vitoria total, aínda que si mellora dos tratamentos; ás veces, a uns custos enormes. Por exemplo, a sida. Hai vacina? Por exemplo o cancro. Hai vacina? Por exemplo a diabetes. Hai vacina? Mesturo allos con cebolas e non entendo? Xa lles dicía que si, que non entendo aínda que me gusta pensar, ás veces en voz alta, e que creo que hai que deixar aos profesionais médicos desenvolver as investigacións, estratexias, aplicar tratamentos e orientar comportamentos sociais. Vicente Risco nunha inconclusa novela, “Os europeos en Abrantes”, escrita no ecos da gripe do 18, falaba ironicamente do “protomedicato” como a clase que estaba chamada a ser a rectora dos destinos sociais, fronte aos antigos cregos ou políticos. Non se se será así, pero sei que aos cidadáns comúns só nos corresponde arrimar o ombro -sen tocar, claro- facerlle caso aos que saben, e en caso de dúbida, dobrar precaucións. Por iso seguen en pé as pontes romanas. Pode que non haxa nunca vacina e que despois de dúas ou tres grandes ondas, acabe desaparecendo como a dita gripe do 18; esa que matou 30.000 galegos, 300.000 españois e entre 50 e 100 millóns de persoas, cando no mundo vivía menos da metade de xente que hoxe. 

En fin, o que máis me preocupa é ver tan preocupados ós médicos. Así que, desde a calma como actitude básica e permanente, e como se dun lema electoral se tratase: precaución, precaución, precaución. 

Te puede interesar