Opinión

Pobre home

A orde de factores altera o produto. Si. Non é o mesmo un home pobre que un pobre home, e eu, nesta ocasión, vou usar “home” como plural. Si. Como falaban os vellos da “guerra do francés”  ou dicían “que vén o lobo”, sabendo, que en 1808 veu máis dun francés ou que o que temían era unha manda de lobos. A lingua tradicional tendía á simplicidade dentro da precisión, por iso usamos o singular polo plural e dicimos  “o lobo é un mamífero” e non “os lobos son animais mamíferos” e menos “os lobos e as lobas son animais mamíferos e mamíferas”, por incorrecto que sexa para determinadas ortodoxias.  

Se alguén pensa que con este comezo trato de ridiculizar certas prácticas lingüísticas teño que dicir que, por suposto, si. As palabras son importantes, pero poden aclarar, confundir ou seren neutras. E eu, que amo máis as palabras cós números, non me gusta a ladaíña de cifras de violencia de xénero, non porque sexan falsas,  senón de que en vez de contribuír a empoderar, simplemente vitimizan, e iso é moi negativo. Oculta a realidade esperanzadora do avance da muller nas últimas décadas; e máis que lle cómpre. E creo que o avance, nun oitenta por cento, é pola incorporación ao mundo do traballo fóra da casa -independencia económica-; polo uso dos anticonceptivos -decisión sobre a maternidade-; e polo maquinismo liberador dos electrodomésticos-;  e nun vinte por cento, pola incorporación dos homes e mulleres das novas xeracións ao mundo da xestión compartida da casa e dos fillos; e nada, pola linguaxe inclusiva.  E digo pobre home, porque a súa presentación como inimigo máis que como aliado no cambio de hábitos e mentalidades está dando unha imaxe que non se corresponde coa realidade. Os homes de hoxe temos exactamente a mesma culpa do que fixeran os nosos antepasados que as descendentes mulleres. Hoxe, a cada un -home ou muller- debemos xulgalo polo que di e polo fai el mesmo. Que a violencia de xénero -como os accidentes de tráfico- diminúa desde hai tempo, fala do avance da sociedade, e se hai repuntes, é que algo se mal fai. Unha morte é intolerable e a redución delas é algo do que alegrarse e celebrar: calquera vendedor sabe que é mellor construír en positivo e optimista. O avance da capacidade económica, da autonomía e liberdade da muller é, sen dúbida, beneficioso para todos, homes e mulleres, por iso estamos todos interesados. E que efecto positivo ten airear números cada vez que un tolo mata muller? Visibilizar un problema, tal e como nos asasinatos masivos en EEUU que se replican? Hai que traballar máis en apagar o lume que en facelo visible.

Números.  Vou retorcer uns números para que vexan que é fácil. O ano pasado morreron en España 602 homes en accidentes de traballo e 50 mulleres, incluídos os “in itínere”. O ano anterior, 2017, sen os deprazamentos igualadores, morreran 461 homes e 23 mulleres: diferentes traballos, diferentes riscos. O ano pasado suicidáronse 2.717 homes e “só” 961 mulleres: diferentes psicoloxías, diferentes niveis de desesperación, diferentes resiliencias. En 2016 a esperanza de vida da muller era de 86,30 e a do home 80,5: diferentes bioloxías e hábitos.  Están mellor as mulleres cós homes porque morran menos nos traballos, por que se suiciden menos e por que vivan máis? Non. Pero os rabudos números préstanse a todo. Mellor deixalos ao lado e traballar xuntos polo avance social que supón a igualdade. Sen máis.

Te puede interesar