Opinión

Pobre Messi

Aorde de factores altera o produto. Non é o mesmo dicir Messi pobre -algo, no material, non certo- que Pobre Messi! -que quen sabe-. E si, ás veces hai que volver sobre o dilema moral da licitude ou ilicitude de determinadas retribucións aínda que sexan cousa histórica e nos leven aos tempos de Grecia ou Roma. O tema está aí, incluso sendo unha filtración interesada para botar as culpas da súa mala evolución económica dun club á xestión manirrota de dirixentes anteriores. 

Máis de 555 millóns de euros cobra o rapaz por catro anos de carreiras e fungueirazos, por ter xeito, moito seica, dándolle patadas ao balón. Imaxinan vostedes todas as tramas de intereses, presións, agobios, tensións, coaccións que se moven ao redor deses cartos? Creo que a pesar do ouropel que o rodea, dos coches, mozas, traxes hiperhorteras, podemos dicir Pobre Messi! Un rapazolo ao que lle falta unha fervura, sempre adulado, admirado, gabado, sen posibilidade ningunha de vida privada, de tomar unha cervexa nun chiringuito, ou un café nunha terraza, agora, á idade de Cristo crucificado, obxecto de todas as miradas, envexas e comentarios críticos do planeta. Pero si. Como pode estar a sociedade tan enferma, como para que un ser humano gañe esas cantidades por algo tan pouco transcendente para a humanidade como darlle patadas a un balón? Non é demagoxia lembrar aquí e hoxe o esforzo ímprobo que nestes momentos de desacougo mundial dos investigadores, dos sanitarios, dos dependentes, dos profesores, de todos os traballadores dos servizos, incluso os xestores políticos aos que lles toca administrar a treboada -independentemente dos éxitos e das simpatías- para ver esa gavilla de multimillonarios que deciden no mellor dos casos facer acordos cos seus clubes e baixarse o soldo un dez por cen, sobre esas obscenas cifras ocultas.

Si, entendo basicamente o asunto da industria do ocio, do entretemento, da publicidade, dos ingresos que xera, etc. etc. pero aínda así paréceme inmoral; fondamente inmoral. Como para prohibir o fútbol, como se prohibiron os fumadeiros de opio na China dos boxers. Xa sei que podo parecer un esaxerado, pero cada vez que saltan estas cifras, síntome sinto máis orgulloso do meu parente Juanito Monjardín, xogador estrela do Real Madrid nos inicios dos anos vinte -foi ás olimpiadas de Amberes en 1920 e de París en 1924-, que colgou as botas cando empezaron a pagar. Consideraba que perdía así o deporte a súa condición de pasatempo esforzado e amateur de homes e pasaba a ser outra cousa na que el non quería entrar. Preferiu atender o negocio familiar.

En fin, creo que o fútbol, como temía o Juanito, xa é outra cousa que nada ten que ver co deporte: negocios con emblemas parlantes dos países, dos territorios, das xentes; incluso de formas de ver o mundo. O fútbol é un negocio, como a construción, como o tráfico de drogas, como a edición de libros de texto ou a produción de queixos de Arzúa, como a trata de brancas, como os casinos, como as tendas de roupa, como a venda de augardentes... Efectivamente, negocios hainos de moitos tipos, legais e ilegais, morais e inmorais, que favorecen ou prexudican a saúde. O fútbol, hoxe, como nos demostra a cifra Messi, ser será un negocio legal, pero é fondamente, radicalmente, inmoral... Para a miña idea, hoxe, mellor que o Barça, representa o espírito deportivo o Outomuro FC, Pabellón CF, CD Cea, CD Moreiras, A Merca CF, CD Espadana, CD A Bola, Padrenda CF, CD Bubal, Parada do Sil, Vilar de Barrio, Sp Vilamarín B, CD Palmés, CD Maceda B, Os Chaos CF ou a UD Mugares. 

Te puede interesar