Opinión

Pois non era iso, Cayetana

Escoitei a Cayetana Álvarez de Toledo en vivo e directo só unha vez. Foi en Ourense. En El Cercano. Hai cinco anos. Daquela andaba ela ás voltas con Vargas Llosa, Sabater, Boadella, e outros menos simpáticos, nun movemento que se chamaba LEI, ou sexa Libres e Iguales e que xurdira como reacción aos inicios do “proces” catalán... e non sei se terá intención de revivilo agora. En calquera caso, vina antes de que se metese no avespeiro da segunda fila do Parlamento.

En El Cercano, expuxo, calma e segura, as súas opinións pouco conformistas co estado do Estado. No coloquio, algúns -xentes de Ciudadanos ou de Vox avant la lettre- encirrábana en busca dunha expresión de “titulares” máis radicais. E o discurso dela esquivaba certas torpezas dos que a interpelaban. Falábanlle burdamente contra o galego, catalán, etc.; ela, políglota, retrucaba falando ben das linguas e mal das utilizacións políticas. Eles falaban contra o dispendio do estado das autonomías, e ela facía unha defensa clara do sistema, e sinalaba que o reparto de xestión -sanidade, educación-  non era duplicidade de gasto; e consideraba o sistema autonómico como o ideal para un estado diverso, e sempre coa Constitución como norma xeral aprobada e asumida. Argumentaba que outros moitos países tiñan estruturas moi descentralizadas -Alemaña, Estados Unidos, etc. - pero a dificultade aquí, era  a falla de lealdade das partes co conxunto e non a esencia da estrutura do estado, por iso había que facer pedagoxía política positiva do sistema e dar a batalla do relato, “a batalla cultural” que tanto lle gusta.

En fin, pareceume, na distancia, obviamente, unha moza culta, atractiva, e non sabería dicir se moi segura de si mesma ou prepotente. Unha opoñente temible. En calquera caso, a súa opinión era libérrima, sen concesións a conveniencias tácticas.  E na entrevista que propiciou o seu cese, vexo que non cambiou. Non en van as palabras liberal e libertario son tan próximas. Cayetana sempre dirá o que lle pete, aínda que lle sexa inconveniente, porque cre ter unha superioridade intelectual que llo permitiría. E iso pode estar ben para grupos de opinión, think tanks, charlas, seminarios, etc. pero non para exercer algo tan cotián e gris como a organización dun grupo diverso que traballa na casa da transación e do acordo, como é o Parlamento. Alí, hai, incluso, que saber dosificar a razón.  

Os elefantes nas cacharrerías rompen, tamén, os xarróns dos seus donos; pero á fácil cazalos: poden concentrar varios fogos á vez, como lle pasou a ela. Pero non debemos crer que polo seu nariz ergueito e ir sempre mirando o segundo piso do horizonte, ten razón o relato circulante do extremismo de Cayetana. As súas opinións -Constitución, Goberno de coalición PP-PSOE, feminismo amazónico, batalla cultural, etc. - son radicais no sentido de ir á raíz, pero non extremistas, aínda que, obviamente, non sexan as da táctica actual do PP de Casado. Aínda así, resulta ben curioso que neste momento, outras opinións máis fortes -ir contra a Casa Real, contra a Transición, contra a Constitución- teñan certa bula mediática e social por viren de certas moquetas gobernamentais.  En fin, Cayetana, luz e lume, é pouco útil no Parlamento, pois tensa e incendia ese espazo de grises e matices que é como está concibida a política aquí e agora; o espazo e o momento onde traballar, os que diso teñan vocación.  Imposible unha orquestra na que só destaquen brillantes agudos. Ou agudas, claro. 

Te puede interesar