Ponte Nova, Ponte Nova

Ponte Nova, Ponte Nova

Dígoche, ponte centenaria xa desde este ano, que te poñas nova. Que te poñan nova, mellor dito. Unha boa volta xa lle deron -limpa fixa e con esplendor- aínda que haxa burros que ornean co spray nos seus baixos; a min aínda me gustaría que lle desen outra reviravoltiña.

Si, houbo no seu momento algún proxecto que non me atrevo a cualificar de propio de “mala besta”, porque os tempos cambian e as sensibilidades tamén, e o que hoxe é normal, dentro duns anos é unha barbaridade e ao revés, por iso debemos ser xenerosos xulgando o pasado. En fin, queríalles dicir que hai anos houbo quen pensou en anchear a “caixa” da ponte facéndoa voar aos lados para meterlle máis carrís. Pero por sorte ou a Deus grazas, segundo se prefira, non foi adiante e o tema e salvouse a estrutura, a liña, o xenio e a figura.

Pero hai unha cousiña que se podería facer que inda a melloraría. Voulla explicar e despois xa me dirán se é disparate ou non; que creo que non. Digamos que a ponte é ponte porque comunica en dous sentidos, digamos que para ir ou vir de Canedo, do barrio da Ponte. E temos clarísimo que no sentido de Canedo a Ourense hai un só carril para os coches e veñen uns detrás doutros, sen máis historias, ata que ao chegaren á altura do semáforo da Romántica se organizan en dous ou tres carrís: os que van cara ás Lagoas, os que soben por Celso Emilio ou Manuel Pereira e os que seguen recto vaian á Sáenz Díez ou, antes, a Eduardo Barreiros. Ben. Tamén sabemos que cando se “sae” de Ourense cara a Canedo, non está tan claro se hai un carril ou dous. Un, di radicalmente a policía e o sentido común; ben ancho, pero un. E ao chegar á rotonda do final divídese entre os que torcen para Oira e os que seguen recto, vaian para a Estación ou vaian cara ao 12 de outubro. 

E ese carril ancho de menos para dous pero de máis para un, lémbrame ás camas de ferro antigas chamadas de “praza e media” que nunca entendín, pois durmir unha persoa e media parece complicado. Así pois, ese “carril e medio” tamén ten inconvenientes, e xa case ninguén se pon en paralelo para ir case petando co coche ata chegar á rotonda de entrada en Canedo.

E eu creo que sería ben interesante, fermoso, humanizador, etc. eliminar ese “medio carril amplo” de saída que non arranxa nada e repartilo entre as dúas beirarrúas para facérmolas ambas máis anchas, dándolle, se cadra, un chisquiño máis á de augas arriba que xa é de seu un pouco máis estreita. 
 Os que a cruzamos con asiduidade sabemos que os pasos para a xente son bastante estreitos. Xa non digo cando se cruza un cun carriño de neno ou cando chove, cos paraugas que tropezan uns cos outros e cos coches, se non están ben os desaugues, mollando polos baixos. Creo que sen moito problema o que se lle lambese a ese semicarril podería dar para anchear cada beirarrúa un metro e así quedaría moito mellor e organizado e cos condutores de saída máis tranquiliños respectando a fila, si ou si, sen tratar de “colarse” temerariamente. Igual ancho de entrada que de saída, e máis anchos os pasos a pé. Paréceme que sería un bo regalo de centenario, sobre todo porque nolo fariamos a nós mesmos.