Opinión

O Porta da Aira e aquel panfleto

Leo o Día dos Santos Inocentes actual que pecha o “Porta da Aira”. Paso por alí e comprobo que non é broma. Tamén pecha, seica, en maio, o “Lar da Sabela”. Pero espero que non sexa certo, inda que o digan. É lóxico o desexo de xubilárense os responsables, todos temos dereito ao descanso, pero as cousas que marchan ben, deben continuar. Como o “Rei do Xamón”, pechado provisionalmente e pendente de apertura en nova localización no Eirociño dos Cabaleiros, que sabemos -ánimo Moncho, ánimo Puri- será pronta e feliz. E estes dous citados, “Porta da Aira” e “Lar da Sabela” son referentes sumamente exitosos nos seus estilos. Como ben se lembrou estes días, o “Porta da Aira” introduciu señorío, nivel, selección... e abriu un camiño de calidade. E o “Lar da Sabela”, digo eu, achegou tamén carta ampla, cocido en tapa ou ración, prezos populares e terrazas acuguladas. Pena sería que parasen esas máquinas de facer caixa, ambiente e cidade. Non precisa ningún deles cambios radicais como o do “Pingallo”, que logrou sacar o histórico local da decrepitude en que estaba sumido. Chegaría con facer como os novos amos do “San Xes”: deixar que as cousas que funcionan funcionen e ir dando novos toques persoais. Como a evolución do “Trangallán” ao hoxe referencial e extraordinario “Comellón”.

E con estas cousas dos bares que pechan e abren -lei de vida- lembrabamos o “Avelino”, subindo aquelas escaleiras e abrindo a incómoda porta que sempre renxía, para tomar unha de orella ou o caldiño limpo no inverno. Nada que ver co de grelos que fumegaba na cociña do “Cadaya” na rúa de Irmáns Vilar... E pensaba no bar “La Paz”, onde escoitei a Arias Navarro na televisión saloucar pola morte de non sei quen. Ou, máis antes, o vello “Orellas” como unha cova, nos baixos do Teatro Principal. Ou o “Mexillón” da praza do Ferro; ou o “Bodegón”, cos seus vellos posters dos 25 Anos de Paz na parte de atrás... e o “Loñoá” coas súas delicadas tartaletas parisinas de allo porro... E así, ducias. Nalgunha ocasión falara co pobre Samuel de facermos un artigo de historia contemporánea sobre a evolución dos bares dos viños, aperturas e peches, e fixemos unha lista e todo, pero todo quedou en tema de barra, agradable modalidade da arte efémera oral. En fin, ás veces, de broma, dicimos andando polo centro: Quedamos cun café na “Ibense” ou tomamos unha caña no “Alaska”? Ou mellor no “Dimax” e imos ao logo ao “3A”? Ou no “Reno” e imos ao “Bocaccio”. Porque o “Tamanaco” ou o “Café Club”, están cheos de xente maior. Mellor o “Nitons” ou o “Long Play”.

E remoendo nesas cousas lembrei un simpático panfleto que circulou se cadra en 1977 ou 78. O caso é que coincidirá cunha das cíclicas folgas universitarias contra a suba das taxas académicas, a suba do prezo das tazas de viño -aquelas cuncas brancas que tanto valían para un atoldado branco, como para un botellín en dúas-. E alguén con chispa fixo un panfleto que baixo o tema de “Non á suba das tazas” -todo estaba cheo de pintadas e propaganda “non á suba das taxas”- puña un plano da cidade vella cos bares que continuaban a ter as cuncas a cinco pesetas. E houbo reedición do panfleto a medida que evolucionaba a deserción das insostibles cinco pesetas.

Menos mal que houbo quen apostou pola calidade. Hoxe, a magnífica renovación do “Montecarlo” é o último exemplo. Xa non é a Eva do peixe frito. Son outros tempos. Todo cambia. É a vida. Menos mal. Na restauración, desde logo, imos moito, moito a mellor.

Te puede interesar