Opinión

O premio a Xosé Manuel Núñez Seixas

Que Xosé Manuel Núñez Seixas (Ourense, 1966) gañase o Premio Nacional de Ensaio 2019 polo seu libro Suspiros de España. El nacionalismo español. 1808-2018, creo que é algo que enche de alegría -e non sei se un chisco de optimismo- a todos os que o coñecemos e admiramos. El honra o premio como antes fixeron xentes tan diversas como Agustín García Calvo, Martín de Riquer, José Luís Aranguren, Sanchez Dragó, Fernando Savater, ou mesmo o ourensán Luís González Seara, en 1996, por poñer uns exemplos. E alegrámonos moito porque se os lectores de historia contemporánea en Europa e América poden admiralo pola súa obra sen ter cruzado palabra con el, non sei de ninguén que o coñeza persoalmente que non sinta unha rendida admiración pola confluencia que se dá nel de claridade de ideas, capacidade de traballo, análise e síntese. Estudou a carreira en Santiago (9,67 de media, algún repunante sempre hai) presenta a tesina en 1990 sobre o galeguismo no Río da Prata, e, sabiamente, opta por marchar e facer a tese en Florencia, sobre os nacionalismos en Europa no período de entreguerras, na que obtén o cum laudem en 1992. 

A paxina de Dialnet, sinálalle 25 libros publicados, 95 artigos en revistas cientificas, 66 colaboracións en libros colectivos, e seis direccións de teses. Políglota de amplo espectro, ten libros e artigos publicados en galego, castelán, portugués, catalán, inglés, francés, alemán, italiano, portugués... e inda fala máis. O repertorio das súas investigacións, por sorte, é moi amplo, polo que vai esparexendo luz sobre moitos temas, concretos e xerais, previamente tratados ou nos que el é pioneiro. Empezou con estudos sobre Galicia pero ampliou a España e Europa. Comezou coa historia do galeguismo e da emigración, as sociedades, os liderados, os imaxinarios. (Ben vin eu nunha viaxe que fixemos xuntos -pero cada ao seu- a Buenos Aires a finais dos noventa, que sabía el ben máis das sociedades cós dirixentes cos que se entrevistaba). E sempre fixo estes estudos en relación e comparación coa historia  doutras realidades semellantes de Europa. Tratou desde a cambiante posición política de Eduardo Blanco Amor, á historia da División Azul -aprendeu ruso para mergullarse nos arquivos soviéticos-. 

Desde os símbolos patrios españois, ao relato dos últimos días dos combatentes españois ao lado de Hitler ou a historia da guerra xermano-soviética. Esa sobordante preparación e capacidade de análise e reflexión académica -ou sexa, sen paixóns negras- sobre a cuestión identitaria en todos os niveis, subestatais, estatais, superestatais, sobre nacionalismos grandes e pequenos, fai que sexa peza cotizada nos consellos asesores de revistas e institucións europeas e que sexa profesor convidado en Universidades de todo o mundo. En fin, imaxino seus escrutadores ollos, clarísimos, fixos, rápidos, escaneando as páxinas a toda velocidade, pasándolle un OCR mental, indexando datos, relacionando temas, apuntando ideas, lendo tamén nos ollos da xente... Antes coa voz da sabedoría e cada día máis tamén coa da experiencia, porque xa ten cincuenta e tres  ben aproveitados anos. A súa impresionante produción, sempre en marcha, sen acougo, é un bo exemplo para a xente nova. 

Que sexa catedrático de historia na USC, que sexa vicepresidente do Consello da Cultura Galega, e que sexa un dos historiadores máis reputados de Europa, é hoxe un privilexio para o país. E que sexa de Ourense, pois un pequeno e inofensivo orgullo chauvinista para os seus amigos da cidade.

Te puede interesar