Opinión

Premios literarios: o importante é manterse

Saben ben os que tratan con dietas que o importante non é adelgazar senón manterse. De pouco vale unha farta de ximnasio un día e o seguinte pasalo estumballado no sofá. De pouco vale andar efeameado o luns se o martes come un a rebentar. A cousa precisa pouca explicación. A constancia é a clave do éxito e non o atracón do día anterior ao exame.

Pois ben, o importante dos premios é manterse. Que duren e medren en prestixio ó longo dos anos. De pouco vale convocar un premio, dalo a bombo e platillo, e despois morrer sen ver nunca a segunda edición. Como o “Carlos Casares” de xornalismo, por exemplo. Igual acontece coas revistas. O amigo Benito Losada tiña unha colección de ducias de números un: esforzos voluntariosos e benintencionados sen miga organizativa e que, arte efémera, nunca chegaran ao número dous. Estas reflexións iniciais veñen a conto da convocatoria do Premio Nós de relatos do Concello de Ourense. Vale. Ok. Todo o que se faga en honra deles, fenomenal. E se se reparten 4.500 euros entre xente (3.000-1.000-500) e non o gastan en algo peor, mellor. Pero hai que pensalo ben. Ver con que xuncos se conta para tecer o cesto. E analizar o mercado. O pasado, o presente e o futuro. 

Empezando polo principio, o Concello de Ourense ten un concurso, con convocatoria corrente este ano, a vixésima primeira, que se chama “Premio literario Risco de Creación Literaria”, dotado con 6.000 euros, e que organiza coa Fundación Vicente Risco para obras entre 150 e 300 folios. Tan tamén un premio de Poesía Cidade de Ourense -36 edicións xa- para obras en galego e portugués con semellante dotación económica. E o Concello participaba activamente noutro premio, de máximo prestixio nas letras galegas, pero con modestísima dotación económica, pois na última edición, 2010, Alba Cid, a gañadora, levou 800 euros. Era o que comezou sendo o Concurso de Contos da Casa da Xuventude, pero que consolidou a súa relación co Concello e coa Asociación de libreiros no “Premio Ourense de contos para a mocidade” durante máis de dúas décadas. O seu motor e corazón era Benito Losada, o mellor dinamizador cultural da Galicia contemporánea. Un home de tecer consensos e acordos. Con el chegou á vixésima sétima edición, en 2010, e convocara a 28º para o ano seguinte. Pero desaparecido o “motor” desapareceu non só un modelo de xestión senón a propia Casa da Xuventude, o Concurso de Contos, a Bienal de Caricatura, etc. Gañadores mozos deste premio foron moitos dos literatos de hoxe: Xosé Carlos Caneiro, Antón Riveiro Coello, Xerardo Méndez, Paula Carballeira, Anxos Sumai, An Alfaya, Alba Cid, Ivan Garía Campos, etc.

E na especialización está o éxito. Sería ideal un concurso que asumise esa tradición centrada na expresión literaria da mocidade -se cadra repensando o formato-, vinculada ao nome do seu impulsor histórico e asumida plenamente polo Concello -como exemplarmente fixo a Deputación co Blanco Amor-. Si. A maioría dos premios literarios levan asociados nomes... Os citados Blanco Amor e Risco, o Torrente Ballester, o Modesto R. Figueiredo, o García Barros, o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Vidal Bolaño, o Plácido Castro, o Del Riego... Eu segurei soñando coa convocatoria do “XXIX de Contos para a Mocidade – Benito Losada”, cun xurado integrado por gañadores de edicións anteriores.

Te puede interesar