Opinión

Primeiros de España

Pois si. Nalgo -permítanme o uso da contracción popular en vez da forma normativa “en algo”- somos primeiros de España. Máis que somos, é Ourense. Pero como vostedes saben, tendemos a usar un plural inclusivo sobre todo cando queremos presumir. E en que cousa é Ourense primeira de España? Supoño que en varias. Non sei, algunhas serán negativas e outras positivas, porque hai moitas cousas, cada vez máis, que se integran as nosas vidas e que se poden contar ou medir.

Non sei onde lin que hai uns séculos cada persoa posuía unha media de dez obxectos. Isto é fácil de ver nos testamentos medievais, por exemplo, nos das xentes de Ourense recollidos no libro “A vida e fala dos devanceiros”, de Ferro Couselo, onde se pormenorizan ata a louza da casa e roupa de cama e de poñer que se deixa en herdo. E si. Normalmente, pouca cousa: unha “equipación” de roupa e calzado de verán e de inverno e os mínimos obxectos. Nun simpático poema -eu léoo en clave irónica- de Rosalía de Castro, “San Antonio bendito”, a protagonista di “que levo en dote, unha culler de ferro e catro de buxo”. Así era a cousa, nos mediados do XIX. Pois agora temos, seica, unha media de mil cousas; a maioría, supoño, trapalladiñas desas que enchen as casas, moitas delas made in China.

En fin, volvo ó rego que escorrego. Digo que entre as cousas que se poden medir obxectivamente, non desas opinables, como cal é a provincia máis bonita ou máis fea, pois hai unha na que somos primeiros de España, sen dúbida. E Guipuzkoa a última. Nós de primeiros e eles, os vascos, de doce. As demais provincias, nin figuran. Cero absoluto. Supoño que os espabilados lectores xa deducirían do que se trata. Pois si, quilómetros de fronteira. Ourense ten 219 quilómetros de raia con Portugal. Máis ca ninguén con Francia nin Portugal. Desde a praia fluvial de Acivido, ao pé de Ponte Barxas, no Concello de Padrenda, sobre o Miño, deica o Penedo dos Tres Reinos na chamada Mezquita “de alá”, do límite con Zamora, fronte a Mezquita “deiquí”, a da Merca, hai eses quilómetros. Pontevedra ten 77 quilómetros de raia, e Guipuzkoa só doce. Con Francia, claro. Porque as piolladas de Ceuta, Melilla e Xibrartar, por cousas raras, non as conto.

E si. Cumpria integrar ese grande Portugal veciño nas nosas ideas de futuro. Porque a nosa fronteira non é abondo permeable a pesar das dezasete estradas asfaltadas que nos conectan, grandes e pequenas, sen gardinhas nin gardas civís, sen aduanas nin alfándegas. A saber Ponte Barxas, Guxinde -para ir a Castro Leboeiro-, A Madalena -cara a Lindoso-, Portela do Home -para as Caldas do Xerés- Requiás, Vilamaior da Boullosa, A Xironda, Souteliño da Raia, Vilarello da Raia, Feces -pola estrada vella ou por esa autovía que nos conecta co sistema de autoestradas portugués-, Arzádegos, Terroso, Barxa, Esculqueira e Manzalvos. Si. Poucas amizades, pouca colaboración no medio das retóricas e recorrentes proclamas de proximidade hai entre as nosas terras. E a “capital” do Douro interior de Portugal, Pesso da Regua, queda exactamente á mesma distancia que Coruña. E a relación coa cidade coa que temos irmandade desde os anos sesenta, Vila Real, hoxe emerxente cidade universitaria, témola esquecida. Tamén a realidade termal e histórica de Chaves, é algo que temos que mirar, admirar e coa que nos debemos coordinar. E Vidago. E Boticas. E Melgaço. E Braga e Guimaraes. En fin, creo que unha das fortalezas de Ourense debe ser saber mirar ao sur e ser dalgún xeito os seus valedores na relación co resto de Galicia.

Para un de Lugo, para un de Coruña, Portugal é algo moito máis difuso que para nós. Nós temos máis quilómetros de contacto con Portugal que coas outras provincias galegas e españolas. Que algo se notase non viña mal; viña ben.

Te puede interesar