Opinión

Un problema de potas

Imos empezar polo principio. A natalidade leva baixado moito nas últimas décadas e aquelas familias extensas de catro fillos e avós e avoas, e primos, tíos etc. nos arredores, son especie tan extinta como o tigre de Tasmania. Isto, unido ao envellecemento da poboación, fai que as animadoras daquelas cuchipandas familiares, as avoas, non estean para ocupárense deste mester. E da pura  bioloxía, choutemos  á arquitectura e urbanismo. 

Co descenso dos membros da unidade familiar, co encarecemento do solo urbano, cos novos modelos económicos, o tamaño medio das vivendas, redúcese como sabemos. E de todas as dependencias, se cadra, a que máis sofre é a cociña. E choutemos á tecnoloxía. Xa non é a vella cociña de leña que facía que todo xirase ao seu redor como lugar central do fogar, que para iso é palabra filla dese fogo, calor,  que nos quentaba os corpos e cociñaba os alimentos; ou centro, tamén, do lume, pai e señor da luz que nos ilumina.  Agora estamos en tempos de neveira e microondas, no que contamos os tempos de permanencia na  cociña por segundos ou case: vaso de leite, 60 segundos; cocer unhas patacas, 5 minutos. E si, coa aceleración de ter pasado do lume  ao aire libre, ao fogueira na entrada da cova, á lareira da vivenda tradicional, á cociña de leña, á de butano, á eléctrica de fogóns, e logo de placas, e logo ás placas de indución... non correu tanto o cambio tecnolóxico de potas e tixolas. Moitas xa non valen para as últimas. E choutemos á socioloxía da alimentación: tempos de divinización da saúde, da esaxeración redentoristas da alimentación ecolóxica, vegana, vexetariana, natural 100%, light, 0’0%, probiótica, reducida en graxas... tempos do aguacate e shushi... Inda van lexislar contra o  chourizo de cebola e o churrasco e xa non digamos contra a fervura de marisco vivo, da nécora ao mexillón; do percebe á centola.  Pero, pasemos á recorrencia sociolóxica. Chega o Nadal e rexorde a lembranza da  “alma da caste” e alguén se lle ocorre tomar o relevo do grande banquete da tradición étnica. E ocórreselle facer un cocido ou preparar unha cachucha ou cocer un par de centolos de dous quilos e medio..... e velaquí aparecen o problema loxístico básico: non hai pota. Aquelas vellas inmensas, roxas, potas das avoas, nas que case cabía un explorador de cómic en zona de caníbales, ninguén sabe onde van. Nas casas de agora, simplemente, non as hai. Nin case caben... nin se precisan. Sei de quen ten recorrido, en busca da pota perdida,  a un préstamo dun  Centro de Día, dun colexio ou dun bar amigo.

 E digo eu, neses tempos de sociedade máis líquida, de paroxismo de servizos públicos e privados, que mesmo podes pedir por teléfono unha hamburguesa ou que che traian tabaco, se cadra non viría mal un servizo de alugueiro de megapotas. Falo en serio.  Porque o tema non é tanto o que custa, senón o que amola e o espazo que ocupa todo o ano.

Neste tempo de emprendedores, de novidades relacionadas co mundo do comer popular (lembren, por exemplo, que o costume de pórense as pulpeiras e pulpeiros nas esquinas da cidade, aos domingos, non ten máis de 25 anos), se cadra estaba ben ese servizo de reparto “Pota-express, a pota dos seus soños, só 24 h. no seu domicilio”. A ver se alguén se anima. 

Te puede interesar