Opinión

A “PTO”, unha alternativa para o cárcere vello

Teño a mesma admiración polos políticos que sacrifican boa parte da privacidade e tranquilidade das súas vidas por compromiso ético e social cunha colectividade, ca desprezo polos que só van a aproveitarse dos cargos. Teño escoitado un chiste aposto a calquera destes últimos, no que, nunha conversa informal lle botaban en cara que gastase máis nas modernización das prisións que nas escolas. A resposta do tal era, máis ou menos: “Á escola xa fun e non hei volver... ó cárcere non fun, pero non se sabe nunca as voltas que pode dar a vida”.

E si. Cando algún destes cae, despois de moitas voltas e reviravoltas xudiciais e mediáticas, normalmente pasa polo cárcere unha tempadiña. E non só políticos, falo tamén de personaxes como Roldán, Urdangarín, Marío Conde, Barcenas, Griñan, ou Ruíz Mateos, tipos elegantes e admirados ata que cae o pano e aparece o sainete das miserias do devezo ruín polos cartos e a fama. Este tipo de delincuentes, de partida, non crean a inseguridade e alarma cidadá dun violador ou dun atracador e o sentir social creo que vai na liña de que o primeiro que tiñan que facer, antes de nada, era devolver ata o último céntimo de euro do ripado, ademais, claro, de cumprir a pena á que fosen condenados. No cárcere común, contra o que poida parecer, fanse os amos. Por contra ó resto da sociedade, alí seguen sendo admirados e respectados e aparecen como os ídolos dos pequenos chourizos.

Punto dous. Sempre houbo cárceres de distinto tipo. Lembro como cousa rara rara, o de curas de Zamora, onde ían, desde 1968, sobre todo, cregos antifranquistas, e en cuxas instalacións en desuso, se rodou “Celda 211”. Tamén sorprendeu á opinión que a Urdangarin, o pobre, o mandasen a unha prisión na que estaba el só. Pobre el, non pola súa situación económica, senón polo aborrecemento que debeu pasar eses meses, e pobres nós polo dispendio económico de ter a un preso só nun cárcere. Así lle aconteceu con Rudolf Hess en Spandau, desde que en 1966 Albert Speer, o arquitecto nazi tan amigo de Hitler, abandonara a prisión e o deixara só outros 21 anos, ata o seu suicidio -ou similar- en 1987; cousas que imos lembrando xa cada vez menos xente.

En fin, recollendo a idea dun ocorrente amigo xornalista, creo que poderiamos ser noticia mundial se restaurásemos o vello edificio do cárcere da rúa do Progreso para facer unha prisión termal. Si. Tipo SPA, pero PTO: “Prisión Termal de Ourense”. Por suposto de acceso restrinxido a presos selectos. De delitos económicos “normais” ou de corrupción ou prevaricación política, sempre que devolvesen os cartos todos e pagasen as multas todas imaxinadas, e un plus de estadía termal. Tamén podería acoller, por exemplo, presos que precisasen algún beneficio especial polas súas delacións esclarecedoras doutros delitos graves ou os que contribuísen a recuperar botíns de dez veces o que custase a súa estadía; e por que non?, presos preventivos especiais enviados por gobernos estranxeiros entrementres non se aclaran as circunstancias extraditorias, tipo Assange, desde Inglaterra. Teríamos así, o mellor cárcere do mundo, un cárcere termal, ao que todos os delincuentes de máximo nivel quererían vir, o que sempre xeraría un importante fluxo de cartos ao redor do seu destino. Ademais sempre habería a posibilidade de que se sentisen seducidos polo destino e ao acabaren as condenas quedasen por aquí e investisen no turismo e no viño, como fixeron na costa os nosos contrabandistas enxebres.

É unha posiblidade, claro. Haberá outras tamén. Supoño.

Te puede interesar