Opinión

Pupilas e anguías

Pois o outro día, á noitiña, fun comer unhas anguías a un bar dos viños e fixeime nas pupilas dos comensais: todas pequenas como se estivésemos na praia. E deume por cismar. Efectivamente somos animais. Seica intelixentes, pero animais. Ou sexa que temos corpo e debemos coidalo. E as pupilas, como animais, están para ser pequenas de día e grandes de noite. Para adaptárense á luz. E non creo que sexa bo escorrentar a escuridade ata o punto de que non haxa diferenza entre o día e a noite. Acabaremos cos ollos. Si. A noite pecha, a do ouleo do lobo e o medo nos camiños, morreu cando chegou a luz eléctrica e o mundo cambiou. Pero non podemos deixar que se extinga de todo. Debe haber espazos ao escuro como había nos comezos da luz eléctrica.

Sinteticemos nun parágrafo a historia da luz artificial. Primeiro foron graxas e aceites de velas ou lucernas ou candís. Miles de anos. Logo, avanzado o XIX petróleos e carburos. E xa nas voltas do XX, a luz incandescente, a dos filamentos dentro do bulbo de cristal. E habíaas de 25 W, que se puñan fóra das casas, nas escaleiras, ou nos baños das aldeas; de 60 W, nas cociñas; as de 100 W, no salón. Despois viñeron os tubos fluorescentes para as cociñas, as halóxenas de 300 ou 500 W para os salóns e enfocando aos teitos desde lámpadas de pé, esas que se convertían en asadoiros de mosquitos, ou os foquiños de 50 W nos espazos de tránsito e nos baños. Logo, non hai tantos anos, chegou o grande timo das de baixo consumo -hipercontaminantes- ás que se lles prognosticaba unha vida longuísima. Ata as mandou un goberno por correo gratis. E logo, estamos nela, vén a revolución dos leds. Consumen moito menos, si... pero nun domicilio normal, a porcentaxe de iluminación fronte a outros gastos eléctricos é moi mínima.

Ademais co menor custe de explotación -despois dun investimento dificilmente recuperable en circunstancias domésticas- hai o perigo da iluminación excesiva e agresiva. En fin, todo ten as súas voltas. Os seus pros e os seus contras. Por exemplo, o avance social da escolarización universal en idades moi novas, produciu un medre da miopía infantil nun 70 por cento, pois cada vez están os neniños máis horas con luz artificial e moito máis tempo fixando a vista en distancias curtas. E xa non digamos coa influencia das pantallas de luz enerxética directa sobre ollos en formación: móbiles, tablets, ordenadores escolares, encerados dixitais, televisións de leds, todo hiperestimulación lumínica directa, ou sexa, retinas que sofren de máis antes de tempo. Ben saben oculistas e ópticos do que falo. Porque o están advertindo continuamente. Contáronme que en países de referencia educativa, están promovendo a retirada de encerados dixitais por esa agresividade física cos ollos dos menores. Non sei. En fin, se cadra de momento, particularmente, debemos ser algo máis precavidos. E igual que debemos baixar o volume aos aparellos para que non nos abouxen e quedar xordos, tamén deberemos baixar a intensidade luz e o contraste de todos eles -tv, ordenadores, móbiles...- para non derramar os ollos. Pero sobre todo, mirar ao lonxe e deixar de pasmar tanto con pantallas como esta do portátil na que arestora observo como nacen letras negras sobre fondo branco para a conclusión deste artigo.

Te puede interesar