Opinión

Que difícil é

Certamente para un opinador dos que escribimos un par de artigos á semana, é difícil nos tempos que corren subtraerse ao tema das eleccións. A “culpa”, se se pode dicir, é dos que fan dúas eleccións tan próximas. Menos mal que a nós non nos coinciden as autonómicas e só nos quedan dúas papeletas, locais e europeas; imaxinen aos que lles quedan tres...

Pois dado que non o vou poder evitar, pisarei o charco das locais, esperando non lixar moito os zapatos. Para empezar, dicir que teñen bastante razón os que din que non teñen nada que ver as xerais coas locais, pero algunha tamén e os que din o contrario. Por exemplo, o BNG goberna en solitario a coidadísima Pontevedra e nestas xerais sacou alí 3.400 votos -menos do 7 %- en vez dos 17.000 -42%- das últimas municipais; e sospeito que nas de maio os resultados volverán, se cadra medrados, ao rego nacionalista. Ou a marca Mareas que, con alcalde en Santiago, Coruña e Ferrol, saca un ridículo 1% nestas xerais, o que a todas luces tamén será distinto nas locais; o que non quere dicir que vaian repetir vitoria, claro. En fin, teñen algo de razón os que din o contrario, porque como ambas proceden da mesma vontade, marcan tendencia. De momento o PSOE á alza e o PP á baixa. En Ourense cidade non me estrañaría que o PP sacase menos votos que nas xerais. Imaxinen: seis queren comer do prato da dereita, entre eles o ex-segundo de abordo do PP á fronte dunha formación en ascenso como Cidadáns. E xunto estes dous, outros catro: Vox, Adelante, Vou e Proyecto Liberal Español. A apelación á concentración do voto non adoita ter o atractivo nas locais, pois a xente guíase menos pola ideoloxía e máis por outras variables de imaxe e de xestión. Se onde foi na Coruña con Paco Vázquez, hoxe é Abel Caballero en Vigo ou Lores en Pontevedra. Non hai dúbida de que xentes que votan PP nas xerais, votan candidatos socialistas ou nacionalistas nas locais. E como ao revés -votar socialista nas xerais e PP nas locais- aparece como máis raro, albisco un futuro complicado para o actual goberno local. 

Pola banda de alá, polo nacionalismo e a esquerda, non me estrañaría que o BNG recuperase presenza concentrando voto, pois o candidato ten boa sona, e o outro é un galimatías para expertos. Tras o fundimento nas xerais das Mareas, preséntanse aquí: Ourense en Común, En Común Unidas Podemos, Ourense Mellor e o residual Compromiso por Galicia. Demasiados a pescar no mesmo caladoiro. E o Bloque segue sendo o Bloque.

Para completar as quince candidaturas, fáltannos tres. Unha, que hoxe ten oito concelleiros, Democracia Ourensana, é unha incógnita. Se cadra unha parte do voto alporizado que tiña de DO se dirixe a Vox. Está por ver tamén se a erosión da desacougada situación municipal afecta só ao goberno, só a oposición, ou a ambos. E aquí, os máis visibles, son o alcalde e o seu flaxelo, Jácome, pois Barquero sacouse do medio. 

E chegamos ao caladeiro socialista. O novo Espazo Común parece algo desinchado; falaba de 20 candidaturas municipais e non deu montado nin a metade. En fin, o PSOE ademais de coa inercia da vitoria das xerais en España e Galicia, parte coa variable de que o seu candidato non é moi coñecido na cidade. Pero isto pode ser, incluso, unha vantaxe: el non ten nada que ver coa corporación anterior; pode tratar de vender “novidade” por un lado e experiencia do goberno en Amoeiro. Como Martiño Noriega de Teo a Santiago; como Rosendo da Merca a Ourense. En fin, antes dun mes, veremos.

Te puede interesar