Opinión

Quen manda(rá) aquí?

Se poñemos esta frase en Google sáenos máis de 40 millóns de entradas, que non de respostas porque, a verdade, é cuestión complicada, unha das grandes preguntas que hoxe se fai en todo o mundo a xente á que lle interesa ese nivel de reflexión. Coa actual promoción da adición patolóxica ao divertimento -sempre hai que estar rindo e pasándoo ben- somos presa fácil do avance da teatrocracia e da tertulianización da vida política.

Son, pois, os nosos votos á parte de libres, responsables? Os ingleses cruzaron hai tempo a palabra “politics” e “entertainment” e construíron “politainment”, algo así como entretemento ou divertimento político no que as cuestións simples, superficiais, con argumentos só ad hominem -este home pode salvar/fundir o país- mandan, e obvianse as cuestións serias e profundas que deben rexer a consideración das cousas comúns. Berlusconi, como Goebbles, foi precursor, un xenio da comunicación. Pero debe haber outras posibilidades.

Todos, na política, debemos ser “comunalistas”, centrarmos o noso interese no comunal; e nestas sociedades tecnolóxicas de arestora, sen dúbida podería haber moitos puntos de encontro, se nos afastamos do fogueteirismo e do espectáculo. Os vellos traballos para o que se xuntaban os veciños -abriren unha pista, faceren un campo da festa, arranxárenlle a casa a un que lle ardeu, etc.- agora máis fáciles coas máquinas, con menos esforzo físico, deberían ser un exemplo.

E isto -a cuestión de quen manda aquí, como canta a Mala Rodriguez- dáse a todos os niveis; mundo, España e, claro, Ourense. Moitos teñen a impresión de certa belixerancia non xa de actores políticos participantes no “reality” municipal, senón incluso dunha parte dos traballadores do concello, desinteresados do funcionamento eficaz -parece unha contradictio in terminis- da actividade da Casa. Semella que moitas cousas están ralentizadas, bloqueadas, pexadas, paradas, por informes pendentes de calquera nivel administrativo ou técnico ata que in extremis se salvan absurdas situacións; cando se salvan.

O caso é que ninguén se quere “pillar” os dedos no que parece un ambiente político-administrativo excesivamente tenso, enrarecido e xudicializado. E iso é malo hoxe, e será malo en xuño, mande quen mande. Debemos recuperar o orgullo do traballo profesional no nivel máis próximo ao cidadán, lembrar que en inglés nos chamamos “civil servants” e facermos o posible para as cousas funcionen. Por exemplo, a pesada nova lexislación de contratación do sector público afecta a todos por igual; só que nuns sitios se logra resolver e noutros non. O Festival de Cine está aí.

Así pois, cos catro cabezas de lista para as municipais repetindo, cunha fidelización de voto grande polo que non parece previsible ningunha maioría absoluta, creo que sería bo procurasen destensar na medida do posible as situacións e baixaren os niveis de crispación para poder afrontarmos despois de maio, sexan os resultados que sexan, as cousas doutra maneira.

Outros catro anos igual é obvio que podería habelos -máxime co póker de repetición-pero estarán de acordo comigo en que mellor sería, polo ben da cidade, que en moitas cousas concordarsen -puxesen os corazóns xuntos, etimoloxicamente-. Habíamosllo agradecer; non vaia ser o demo que veña unha candidatura independente e lles ripe votos a todos catro, co que o lío sería maior. Ou non. Xa veremos.

Te puede interesar