Opinión

Ratas con alas

Chegara eu derreado a pesar de ter dezasete ou dezaoito anos. Saquei a mochila do lombo e senteime naquelas tres ou catro escaleiras de banzos anchos e de mármore de Carrara que daban acceso a un sobrio pórtico neoclásico. A verdade é que o Campiello della Madalena era daquela un lugar tranquilo, acochado nunha zona pouco turística de Venecia, lonxe do abafante eixo Estación, Rialto, San Marcos. Levabamos todo o día rulando polas estremas da cidade sen entrarmos demasiado no centro -tal que nunha contida Esmorga veneciana- despois de ter durmido nun portal por fronte á illa da Iudeca, onda a igrexa dos xesuítas. Sacamos os bocatas esmagados do fondo da mochila e comémolos. Cada pouco iamos á fonte beber auga. E alí, medio vencidos pola canseira de primeira hora da tarde, como case se nos pechaban os ollos, estumballámonos para descansar media hora nas escaleiras do pórtico da capela da Madalena. E cando levabamos dez minutos traspostos, a aviación inimiga atacou. Sentín na cara o impacto certeiro da cagada dunha pomba. Así pois, e con esa tendencia que temos a xeneralizar, a facer da parte o comportamento do todo, e sen ganas de interesarme en demasía polas diferenzas psicolóxicas e de comportamento entre os individuos, produciuse, na miña consideración instintiva, unha transcategorización animal: as pombas pasaron de ser animaliños voadores inocuos a ser algo ruín: as miñas agresoras, as miñas inimigas. Pero empezaron elas. Conste. E non creo que a recomendación cristiá de pór a outra meixela rece para facilitarlle a cagada da pomba sobre un mesmo. Así pois, estamos en guerra. Nin sequera ser a representación divina do terceiro nivel (o Espírito Santo parece que xoga nunha división inferior a Cristo ou a seu pai) lle servirá para que as teña en maior estimanza.

Hoxe son unha praga. Controlable, claro, pois se o home manda a Marte un vehículo motorizado que busca auga, máis fácil debe ser acabar coas pombas rompevasos, rompepelotas, nas cidades. Nunca entenderei a aversión ás ratas de pel suave, bigotes simpáticos e rabo gracioso e ás que se lle apoñen toda clases de enfermidades e a tolerancia absoluta cos escuadróns aéreos de pombas que molestan nas terrazas. Antes eran só as do Parque. Agora conquistaron tamén o Paseo. Escachan vasos e xa fan voos rasantes entre as cabezas da xente que parece que van bater nun. E cagan. E teñen piollos debaixo das alas. Se un quere alimentar animais, que vaia ao río. Alí a proliferación de parruliños que seguen ás nais na auga non producen mal ningún e crean incluso unha estampa fermosa. Pero coas pombas, guerra. E cos estorniños, tamén. Bonitas, si, son as formas elásticas das bandadas que fan cando se recollen ás noites, pero ai do coche ou da persoa que se poña por baixo das árbores nas que dormen. Ai das indefensas cerdeiras nas que pinten as cereixas cando andan preto. Pragas de seres alados. Pero non da familia dos anxos. Da familia das ratas.

Te puede interesar