Opinión

Reenterro e memoria

O caso é que con este ir e vir da momia resucitaron a súa lembranza -o que non me chista nada- pero tamén resucitaron -e iso si que me parece simpático- o costume de contar “chistes” de Franco. E ben deles que houbo contra a fin do seu réxime, especialmente nos días en que espernexaba sen que o deixasen morrer en paz. En fin, agora son memes que veñen a ducias polo guasap, e tamén fan sorrir: “Se deron tres días sen clase no primeiro enterro, algo tiñan que dar neste segundo”, dicía un deles.

E comentabamos o outro día cuns amigos que as persoas máis novas conscientes e actuantes dos últimos días de Franco teñen hoxe ao redor dos sesenta anos. Si. Se en 1975, ou sexa hai 44 anos, un era un mozo de 16 anos, pois sumas sumandi, terá hoxe 60. E de aí unha reflexión. Os que estamos nesa situación -ou máis vellos- podemos falar con máis coñecemento de causa que esas persoas como Pedro Sánchez que tiñan tres aniños, ou como Pablo Iglesias, que inda non nacera e que tocan de orella. Dito doutra maneira, os que cantamos o “Cara al Sol” e “Montañas Nevadas” no Curros Enríquez nos sesenta e padecemos as clases da trapallada da FEN no instituto nos setenta, temos unha visión máis obxectiva e directa da época e non falamos só por memorias interpostas. Por exemplo, estes novos chámanlle ao réxime de Franco “fascista” de principio a fin, como se non houbese cambios entre o 39 e o 75. E ben sabemos que unha cousa foron os primeiros tempos -feroces e fascistas, si- e outra cousa o estado totalitario de despois. Lembremos, por exemplo, que unha boa parte dos exiliados comprometidos coa República -pensamos en Blanco Amor, Rafael Dieste, Ramón de Valenzuela, incluso o xeneral Rojo, defensor de Madrid- viñeron vivir a España avanzados os cincuenta e sesenta, porque se non había liberdades políticas, podían polo demais vivir na casa.

Os artigos de Blanco Amor sobre o tema son fermosísimos. Deben saber estes políticos novos que o mundo existía antes de eles naceren. Os Rolling Stones e os turistas xa viñeran a España. E “O tren” de Andrés do Barro fora número 1 do hit parade en España, en galego, en 1968. Deben saber que a finais dos sesenta e principios dos setenta, a sociedade era ben máis avanzada, culta, libre e activa que a casposa estrutura do réxime político que se mantiña entre a represión e a pasividade xeral, con vellos nostálxicos e con noviños aproveitados que no seu haber teñen o teren facilitado a transición. 

A min non me gusta contar a historia como unha película de bos e malos. Que Franco foi mal tipo está ben publicitado estes días. Pero os esquerdistas que se ergueron contra a República en Asturias -e mataron alí a 34 cregos-, os que asasinaron ao deputado por Ourense Calvo Sotelo, os que queimaron igrexas e conventos no 31 e no 34 e os que ao longo da guerra mataron a 13 bispos, 4.184 frades, 2.365 cregos e 283 monxas, eran xente tan ruín como os fascistas que asasinaron a todos os que cabían na Praza de Touros de Badajoz en 1936. E sinalo o dos cregos porque creo que a República empezou a perder a guerra o día do famoso fusilamento da imaxe do Sagrado Corazón do Cerro de los Ángeles por parte dos milicianos, en agosto de 1936, e da súa destrución con dinamita. Igualico que fixeron os talibáns coas imaxes dos Buda de Bamiyan, en marzo de 2001. En fin, agora que marchou a momia de alí, que nos deixen de falar do pasado. Futuro, só futuro. 

Te puede interesar