Opinión

Refráns e latinismos

Teño que recoñecer que a pesar de que a política actual me desgusta e debería estar calado, ás veces non dou. E penso, claro, que o seu exercicio debía ser fundamentalmente unha cuestión de elites. Para nada económicas. Dado que un presidente do Goberno, un ministro, un alcalde, non van refucir as mangas, cuspir nas maus e coller o sacho, nin van pór o casco na obra, nin facer un pase de modelos, pois o aquel da súa aparencia física -que sexan feos ou guapos, altos ou baixos, homes ou mulleres- nada importa. O único que interesa é o que teñan e como usen, o que hai entre as orellas. Ou sexa, interésanos a súa intelixencia, a capacidade para analizar situacións, a formación, ou sexa a preparación, bagaxe de coñecementos e experiencias vitais para ter recursos propios con que analizar e decidir, a capacidade de organizar e liderar equipos plurais... en fin, este tipo de cousas, máis que a verba, que diso tiña moito o Mario, aquel charlatán que se puña nos Remedios a engaiolar ao persoal vendendo trapalladiñas cando eu era pequeno.

E lembraba isto a propósito da incorporación da nova ministra Ione Belarra Urteaga, que ten como méritos coñecidos para acceder ao cargo a súa mocidade -tivo a sorte de nacer en 1987, Felipe González no poder, atentados de Hipercor e da Casa Cuartel de Zaragoza-, o de ser muller e amiga de Irene Montero e Pablo Iglesias. E dígoo porque, segundo o portal de transparencia de Podemos, a súa experiencia profesional redúcese a dúas bolsas de formación do Ministerio de Cultura e da Universidade Autónoma, e un contrato dun curso nunha ONG. Isto non é casual, é tamén unha piscadela de ollos aos propios: “Amiguiños, portándose ben, calquera pode chegar a calquera sitio. No chinchimonis da política, xogamos ao arrimado”.

E quen ten ver isto co título do artigo? Pois que existen dúas hai dúas formas de sintentizar as leccións da historia: o refraneiro -cousa tida por vulgar, pois era do gusto de Sancho, quen non de don Alonso Quijano- e outra é o recurso a aforismos latinos, que é o mesmo pero máis fino. Por exemplo, de aplicación aquí, sería o de “opera, non verba” (obras, non palabras). E esta moza -é nova-, de opera, pouca, pero de prima, menos. O do xénero, resúltame loxicamente neutro, desconfío de que sexa mérito a mocidade, por estar xa eu en idade de valorar máis a experiencia, pero témolle máis ao seu descoñecemento do mundo: cun par de bolsas de estudos e unha ocasional colaboración cunha ONG, non hai pulsión suficiente da vida real para unha cousa tan complexa como gobernar. A súa simplona explicación da suba das tarifas eléctricas, metendo polo medio a froiteiros, cebolas, cenorias, patacas e aguacates -paltas, avocados ou paguas, que dirían por América adiante- que subiu a Tweeter, lembroume o dito que resumía un misterio teolóxico: “Nabo, nabiza e grelo, a Trindade do galego”. Non, as cousas nunca son tan simples. Por certo, o vídeo subido polo ministro Garzón onde di “proponido” en vez do cultísimo “propuesto”, eu descúlpoo, por suposto, polo humano do lapsus, pero non polo que hai detrás (e en común con estoutro video da agora ministra), ou sexa, pola falla de filtros previos. Ou ben os ministros publican sen control, ou ben as lexións de asesores... En fin, non sei cal opción me preocupa máis. Baduar, baduar, baduar. Parece que todo é chanza e nada ten importancia, pois igual que unha perna tapa a outra, unha escorregadela, a anterior. Sorte. Que sería para todos.

Te puede interesar