Opinión

Refuxiados e solidariedade islámica

A onda de sensibilización que percorre a Europa dos cidadáns co tema dos refuxiados do Oriente Medio ten que ver cunha forma de ver o mundo. A empatía cos que sofren, froito do humanismo cristián ou marxista, os nosos estados modernos, propulsores dos compromisos colectivos coa educación, coa saúde dos cidadáns, co exercicio da igualdade de xénero e co respecto ás opcións sexuais , ideolóxicas, etc., foron produto e configuradores expansivos dunha forma de pensar común; de aí o noso desacougo polo que está a pasar en Medio Oriente e no Mediterráneo. Arrepíanos que morra a xente por problemas evitables, por inxustizas. E algúns senten, tamén, unha certa mala conciencia por unha presunta culpabilidade nosa, global , do pasado e do presente. Creo que excesiva. É difícil vincular aos españois de hoxe co que fixeron os desgraciados dos irmáns Colón a finais do s. XV –entre outras cousas roubarlle o viño de Ribadavia a un crego galego- ou co descuartizamento de Tupac Amaruc II en 1781. Non. Ningún español ten nada que ver con esas cousas nin coas sacas de Paracuellos, nin coas cunetas do Cumial, e ningún europeo de hoxe ten que ver cos crimes de Stalin nin de Hitler, nin co mapa de Oriente Medio.

Temos que xestionar a nosa presenza na historia o mellor que poidamos, pero sen mea culpas estériles. Se Occidente se equivocou nalgunhas cousas, tamén creou o liberalismo e o socialismo, e a liberdade, a igualdade das persoas e a penicilina. E cada un ten a súa responsabilidade. Evidentemente a Guerra do Golfo de Bush foi un erro e o apoio inxenuo ás revoltas árabes de Obama –para compensar aquel erro- foi un erro aínda moito maior. E agora temos un mundo desestabilizado con varios importantes estados (Libia, Siria, Iraq...) en descomposición e diante un ente político-relixioso-criminal que usa a máxima vesania como arma propagandista e que conseguiu un triunfo planetario ao abrogarse o papel de Antioccidente. O Estado Islámico gañalle a Al Qaeda. E todos os valores que representa a concepción occidental -a vida, a arte, a ciencia, a igualdade, o respecto, a liberdade- son ferozmente atacados. Por iso, as persoas máis occidentalizadas deses países –réquiem pola biblioteca Álvaro Cunqueiro do Instituto Cervantes de Damasco- foxen desesperadas para Europa. Curioso ver a moitos exiliados sirios expresándose en inglés. Moitos eran a elite local. Alemaña, na súa xenerosidade, non o ignora.

Agora xorde unha pregunta. E os árabes? Por que non hai correntes de exilio cara a Arabia Saudí, cara a Kuwait, Qatar e os Emiratos, mundo islámico, e onde hai traballo a esgalla? Porque non van cara ao Irán? Hai zonas musulmás non ricas que fan o máximo esforzo. Turquía, Líbano, Xordania e o Kurdistán iraquí. Por proximidade xeográfica e por seren os máis occidentais. Insisto: non se ve ningún fluxo de solidariedade dos árabes ricos cara a eses irmáns na fe. O que fixeron cos palestinos está aí. Pechados en campos de refuxiados non lles permitiron integrarse nas súas sociedades e deixáronos remoendo na dor e na radicalización. Imaxina alguén que Alemaña fixese iso despois da II Guerra Mundial cos de Pomerania e Silesia? Por iso, agora, os sirios queren vir a Occidente. Para aprender alemán e traballar. Que veñan. Cómpre seiva nova. Pero máis alá de refuxiados, carne de gueto, que veñan coa vontade de integrarse e quedarse. Traballo, lingua, escola... e esquecer. E pasar páxina.

Te puede interesar