Opinión

Requiem pola terraza

Como afeccionado á xeoloxía gardo moi boa lembranza da miña estadía en Chile. Non só pola vista dos coloristas estratos pregados nos Andes, entre San Felipe e Mendoza, xa na Arxentina, senón tamén pola utilización didáctica de recursos moi simples en Santiago capital. Resulta que alí as pedras de que están construídas as fachadas son sumamente diversas. Non é como aquí, case só varios tipos de granitos, senón moitas moi distintas. Pois alí a maioría dos edificios tiñan plaquiñas postas co nome de cada tipo de pedra, a procedencia e as características xeomorfolóxicas. Os profesores de ciencias dos institutos percorrían as rúas do centro parándose cos alumnos a velas e recoñecelas. Pareceume moi ben, como me parecería que se puxesen tamén aquí, e mesmo outras cousas. Como os nomes dos arquitectos dos edificios, e os das esculturas urbanas, obrigatoriamente, para gabanza ou escarnio do seu traballo. Imaxinen o útil que serían estas plaquiñas para reconstruír a memoria e historia da cidade. Os edificios, as esculturas sen autoría son como libros anónimos cuxa autoría é lembrada mentres é lembrada polos coetáneos. Por exemplo, si, hoxe moitos sabemos que o edificio Viacambre é cousa do Sani, de don Juan Rodríguez de la Cruz, pero sábeno os máis novos? Cantos poderían dicir de quen é o edifico do Centro Marcos Valcárcel ou o propio edificio do Concello de Ourense? Custaría ben pouco, un pouco de sinalética nova para aproveitar culturalmente estes recursos urbanos.

E o da terraza? Non lles vou falar das do Parque, nin das dos viños nin desoutras que proliferan agora por todos os barrios. Direilles que como afeccionado á xeoloxía estou de loito. Seguramente inevitable, pois a acción antrópica, a acción do home-humus, transforma o medio no que se asenta de forma radical. A nosa é unha paisaxe humanizada como a que máis. Pensemos nos bancais do Sil ou nos viñedos do Ribeiro. E aquí, na cidade, puidéronse facer grandes escavacións desde a idade media para extraer arxilas e facer tellas e ladrillos e puidéronlle dar a esa zona o nome de “Lagoas”, polas augas acumuladas. Puideron logo atoar esas lagoas e facer por riba un instituto e un barrio enteiro, e facer desaparecer de todo, incluso a memoria da vella morfoloxía. Ou a memoria da Barronca. Ou coas pontes construír a imaxe mental dunha cidade case horizontal e esquecerse das fendas do Barbaña e da Burga avantadas por pontes. 

Si. Seguramente é inevitable que desaparezan os restos da segunda terraza fluvial do Miño á altura da intersección da rúa Otero Pedrayo coa de Castelao, preto da estatua do afiador de Xosé Cid, no comezo da estrada de Ponferrada. Sempre ollei eses cantos rodados embutidos en arxila como un dos últimos testemuños daquelas terrazas antes visibles... e sempre me lembraba do uso popular dos cantos rodados e barro para a construción dos muros dos vellos camiños. Como o que limitaba, por exemplo, o inmenso patio dos Maristas que chegaba ao camiño Caneiro –antes de construíren a rúa Ramón Cabanillas-, na zona do cruce con Bedoya, no lugar chamado “Catro Camiños”. Sempre imaxinei aquel corte da terraza, cun cristal pegado e unha explicación das terrazas fluviais e da xeomorfoloxía da depresión ourensá. Preto da Universidade. Bo sitio. Ah. Reflexionen ben.

Te puede interesar