Opinión

As revistas comentadas en Nós

O outro día faleilles das linguas nas que estaban escritos os libros e revistas que comentaban en Nós, na sección “Os homes, os feitos e as verbas”, e lémbrolles arestora que dos 409, en castelán eran 132, en galego 121, en portugués 100, en francés 34, en catalán 9, en alemán 5, en inglés e italiano 2 e en latín 1. Ben. Ese dato da lingua era moi importante. Pero non o é menos a procedencia das revistas.

Ao longo dos quince anos que se edita Nós -coa interrupción entre 1923 e 1925-, aparecen recensionadas na revista un total de 131 publicacións periódicas. En moitos dos casos, inclúe non só comentarios xerais, senón un propio resume dos índices. Para empezar, aparecen 16 revistas da emigración galega esparexida polo mundo: dúas en Madrid, oito na Arxentina, catro en Uruguai, unha en Cuba, e incluso unha de Galicia. Pódese constatar, pois, a atención especial que mantiñan cos expatriados e como as distintas sociedades (centros galegos, casas de Galicia...), incluso grupos políticos -como os nacionalistas d’A Fouce de Buenos Aires- usaban a plataforma Nós como vía de publicidade do que facían. 

Despois, coincide o número de revistas galegas e portuguesas, 22 en cada caso. Das galegas, hai revistas de todo tipo, desde o Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Orense ata o Boletín de la Junta Provincial para la lucha antituberculosa de La Coruña, pasando por todas as revistas culturais e políticas, como A Nosa Terra, Rexurdimento ou Alfar, Papel de Color ou a revista de pensamento cristián Logos que acabou coa guerra.

As revistas portuguesas con que máis relación mantiñan serían as literarias e de pensamento, e colaboran bastante os promotores de Nós, A Águia, e Seara Nova. Tamén hai moita presenza de revistas académicas, das universidades de Coimbra, Braga, Oporto, Guimaraes e Lisboa, sobre todo de temas de arqueoloxía e etnografía. Portocale, Revista de Guimaraes, O instituto de Coimbra, etc.

A continuación veñen 15 títulos editados en Madrid, Gaceta Literaria, La Pluma, Orientaciones, Reflector, Sociedad Española de Antropología y Prehistoria, Ahora, Anuario de Prehistoria Madrileña, Estampa... En fin, que estamos falando de revistas de segunda e terceira fila, e nada de contraste de ideas ou de diálogo, por exemplo, coa Revista de Occidente de Ortega, que ve a luz, coincidindo co peche do primeiro ciclo Nós, en xullo de 1923.

Despois, en cuarto lugar, aparece o Río da Prata. Entre Arxentina e Uruguai, á parte das 12 de emigrantes, outras oito, que non o son: La Opinón, La Cruz del Sur, Megáfono, Estudiantina... pero tamén faltan grandes revistas como Sur, por exemplo. E tamén, hai candansúa presenza de revistas de Ecuador, México e Brasil.

Por último serán moi visibles revistas de identidades emerxentes, nove de Cataluña, cinco do País Vasco, cinco de Valencia, catro de Bretaña, dúas de Aragón, unha das Baleares -La Nostra Terra-. unha de Irlanda. Despois, só cantidades testemuñais doutras procedencias europeas e americanas: dúas de Italia, Bélxica e Suíza. 

Dos países máis avanzados, nada á parte de seis francesas (La Douce France e Mercure, entre elas), pois non hai ningunha revista inglesa ou dos EEUU ou de Alemaña; aínda que en lingua tudesca hai dúas, unha de Suíza e outra de Praga, todo cousas de antropoloxía.

En conxunto, creo que non demasiada cousa para a conexión intelectual co mundo que se cocía fóra. Se nós somos o dentro, claro. 

Te puede interesar