Opinión

San Martín, por sempre

Desde que un soldado romano, Martiño, natural de Panonia, cortara a súa capa para darlle un cacho a un pobre alá no ano 337 na cidade de Amiens, e logo fose bispo da cidade francesa de Tours, e desque morrera no 397 e se fose estendendo o seu culto por terras galaicas impulsado polo tamén San Martiño, e tamén de Panonia (provincia romana entre Austria, Hungría, Eslovenia), pero este chamado de Dumio, en Portugal, o que converteu aos suevos ao cristianismo e escribiu o famoso “De corretione rusticorum” ala polo 572, o nome de San Martiño ou San Martín, está moi ligado a  Galicia (214 parroquias son San Martiño de algo) e en especial a nós, cidade e diócese de Ourense

Si. Ourense é San Martiño. San Martiño é a orixe mítica -ou non- da Catedral eixo central da historia da cidade. Lembren a lenda do rei suevo Carriarico mandando erixir unha catedral en honra de San Martiño de Tours no a no 550 pola milagrosa curación do seu fillo leproso, disque onde estaba Santa María Madre. Pero San Martiño tamén é festa. É magosto. Si. Todo Ourense é San Martiño. Así cando se levanta unha moderna fábrica de cervexa,  digamos que en 1972, póñenlle o nome de San Martín. Ben rica que era e mágoa que desaparecese en 1982 varrida pola crise e pola decisión do seu último propietario cervexas Mahou.

E claro, cando se ergue un hotel,  no edificio máis emblemático da cidade, alá por 1968, e cando se lle pon un letreiro visible de lonxe, acóllese ao tradicional nome de San Martín. Agora mudou a “Barceló. Ourense”. Efectivamente, o dono pode pórlle o nome que lle pete, que para iso o comprou e é seu. Pero eu non deixo de estar un pouco saudoso cando algo así sucede. Cambia o home dun emblema. A verdade é que creo que ben mellor sería non tocar o “topónimo” hoteleiro. Independentemente de cal sexa a cadea que o xestione, o propietario, non ten porque alterar a denominación porque é coñecido. Así xa lle pasara varias veces. Incluso, de querer incluír o nome de Barceló no nome, por cuestións de marquetin, ben podería haber outras posibilidades sen facer desaparecer ao noso pobre San Martiño.  “Hotel Barceló. San Martín. Ourense”, por exemplo. Así, de paso, deixarían a porta aberta a poder integrar na súa rede, máis hoteis Barceló en Ourense, distintos do de San Martín. E xa non habería que cambiar o letreiro cimeiro, aínda que abaixo, onda a porta, rotulasen coa forma máis completa.

En fin, a Torre, mais que cincuentenaria, está, coma todos e todo, en permanente cambio. Desde os tempos da cafetería no baixo onde está Abanca onde case me intoxico porque me fixeron o almorzo cun con deterxente branco en vez de leite; a cafetería-miradoiro do piso 17;  o Club de Tenis no 16; a oficina de Información e Turismo na entrada; a boutique Xoldra no fondo... o Ateneo, centro da actividade política na transición... En fin, como se fose o tatarulo da vella catedral, o reloxo, o carrillón que daba as horas a toda a cidade, e que nos tocaba vilancicos no Nadal e o Negra Sombra en datas sinaladas. Como dicía o noso grande Luis de Camões: “Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades, Muda-se o ser, muda-se a confiança; Todo o mundo é composto de mudança, Tomando sempre novas qualidades. Continuamente vemos novidades, Diferentes em tudo da esperança; Do mal ficam as mágoas na lembrança, E do bem, se algum houve, as saudades”. 

Te puede interesar