Opinión

O secuestro das nenas

Ás veces penso que as cousas son máis fáciles e que as complicamos de máis. Se un grupo terrorista secuestra 275 nenas para convertelas en escravas sexuais dos seus combatentes, pois hai pouco espazo para as palabras. Ou sexa, deben calar barbas e falar armas. Non hai misións militares da ONU noutros espazos? Pois invasión militar internacional e solución do problema inmediato. Se Nixeria non dá resolto o caso, botémoslle unha man. Non se pode tratar de convencer ao intoxicado demente da maldade da súa acción. Débese impedir con todas as armas ese intento de perpetuar a escravitude da metade da humanidade e de eliminar a educación occidental, única na que a igualdade é un valor fundamental. E xa está. Se hai exércitos será para usalos en casos así, paréceme a min.

Varias veces teño falado do problema do invisible acoso aos cristiáns en países ou zonas de predominio do extremismo islamita. Os coptos de Exipto, os siríacos de Siria, os maronitas do sur do Líbano, os caldeos en Iraq, os católicos e protestantes de Pakistán ou de Nixeria. Onde inza o extremismo islamista, periga o crente cristián local. Pero parece que pola moda dun anticlericalismo rancio, o asasinato de crentes cristiáns tende a pasar desapercibido. A tola milicia Boko Haram leva cinco anos arrasando templos cheos de fieis e matándoos por milleiros, pero case non é visible na prensa. Ah!, pero agora equivocáronse e tocaron a febra máis sensible do pensamento occidental: atacaron nenas polo feito de selo e en favor do mantemento dunha situación que todos consideramos odiosa. O pau que merecen debería gozar de consenso e punto.

Á parte son parvos. Se hai algo disparatado é ser negro e integrista musulmán. Explícome. Os vellos romanos tiñan escravos como calquera outro pobo dese estadio evolutivo, pero sen importar a cor da pel. Así, a propia palabra escravo está relacionada con eslavo, pois eran desa procedencia do leste de Europa a maioría dos capturados para traballo doméstico e non doméstico, obrigatorio e non pago en servizo dos cidadáns romanos. E tamén había escravos gregos, cultos eles, e de calquera procedencia. Era unha escravitude de plena igualdade racial e de grandes diferenzas internas. Todos eran candidatos; só cumpría perder unha guerra. Pero os que especializaron aos negros na escravitude e montaron as redes de venda e tráfico, foron os musulmáns da península Arábiga e logo do norte de África. A cousa non tiña moita ciencia: contacto coas elites das tribos amigas para que lles capturasen e vendesen aos doutras tribos inimigas deles. E como pagaban ben, cada vez houbo máis inimigos e máis vendas, e máis incursións ao sur dos árabes armados a cabalo, ata o XIX. Nin que dicir ten que as potencias europeas –España pouco, por certo- copiaron o modelo árabe de contacto con aliados negros. Pero as elites brancas de negreiros e traficantes, iso si, non puxeron pé no interior do continente e deixaron o da captura e tráfico para os seus socios negros ou musulmáns. Todos igualmente culpables.

En fin. Que todo pau que lles caia enriba aos de Boko Haram será pouco. A nosa autoflaxelación polos pecados históricos de occidente non pode chegar a tratar de comprender isto ou buscar terceiras vías. É hora do pau e tente teso.

Te puede interesar