Opinión

Seso débil (ou despistado)

Sempre fun partidario da discriminación sesual e abomino da familiar ou sexual. Ou sexa, non me importa se a persoa é fillo de nobre ou de servo, ou se ten sexo cóncavo ou convexo. Ou se o usa así ou asado. Só me importa que teña bo seso, bos miolos, bo cerebro e que os use ben. De pequeno non entendía porque as mulleres só traballaban de mestras, enfermeiras e funcionarias. Agora a cousa vai por bo camiño; estamos nel. Cada vez están as profesións máis “entrefrebadas”. En varias, docencia, xudicatura, medicina... se cadra xa hai máis mulleres. E ben está, problema ningún. Todo natural. Pero en postos máis básicos, si que hai diferenza: case só mulleres na asistencia doméstica ou nos supermercados, e só homes na mina. E alégrome, por certo, de que elas non baixen á mina, e non é porque crea que non son capaces, senón porque preferiría que desaparecese ese traballo escravo e inhumano: a tecnoloxía está para liberar. En fin, a discriminación salarial hoxe non é polo feito de seren mulleres senón por teren peores traballos e aí é onde hai que centrarse e concentrarse.

Si. Discriminar por razón de varón ou femia é unha aberración. E a igualdade non vén tanto da educación escolar como da independencia económica que dá o traballo. A vida en parella debe ser unha opción pero non unha obrigación de subsistencia. As familias onde traballan as mulleres fóra desde hai xeracións foron niños de igualdade. E por esta paixón igualitaria abomino, tamén, de toda discriminación que non teña que ver coa preparación específica para un posto. Primar un sexo sempre é discriminar ó outro. Tampouco entendo a externalización carnavalesca do orgullo gay porque non entendería unha carnavalada destinada a exaltar o orgullo hetero. Orgullo, se tal, de ser persoa, e non can ou gato. E que perdoen os animalistas pero eu prefírolles ser homo sapiens sapiens que canis lupus ou felis catus. Paréceme, dígollo con todos os respectos, que estes temas son bastante antigos. Hoxe na sociedade, nos institutos, nos xulgados, nos hospitais, nas fábricas, nas oficinas, conviven eles e elas sen pexa e sen importar, faltaría máis, como resolve cada un a súa sexualidade. Avanzamos unha enormidade e creo que a mellor forma de festexar a firmeza coa discriminación é o exercicio normal da normalidade. O outro, o exceso de bombo, pódenos levar a que o ruído nos intoxique e non nos deixe gozar da música da vida.

E así, non dou saído do meu estupor cando vexo que se cuestionou a pertinencia do premio ao traballo dun fiscal que dá caña á violencia contra as mulleres, só polo feito de ser home. Unha carallada. Unha conachada. Discriminar aos que reman a favor da muller só por teren pito é disparatado. Se algún -ou algunha- non entende que debemos estar todos -e todas- da mesma parte contra os simpatizantes -e as simpatizantes- do deputado polaco, pois ese -ou esa- debería ser discriminado -ou discriminada- sesualmente. Non facerlle caso.

Se cadra alguén pensa que para a posición da muller na sociedade actual importa máis ca o serio e rigoroso traballo xurídico, a cháchara antilingüística de usar o feminino como xeral ou outras semellantes. Que abran ollos e orellas e falen coa xente. Poden conseguir o efecto contrario. Ás veces, creo, andamos perdidiños. Pero, claro, podo estar equivocado. En calquera caso, iso seguro, equivocada non estou.

Te puede interesar