Opinión

Aquela sinatura exculpatoria e Baltasar

Como poden supor, despois de máis de trinta anos ao servizo da Administración estaba cabo do camiño das parvadas que poden decretar os que mandan por motivos de conveniencia política, electoral ou semellante. Nin quero pensar nelas, xa foi, pero lembro o cambio dun libro de Matemática porque estaba en galego para pólo en castelán, á altura creo que de xaneiro, cousa que, baixo a miña responsabilidade como director, e unha vez comunicado aos pais e resto da comunidade escolar, non fixemos; pero sen publicidade especial nin buscar enfrontamento: como era unha parvada non lle fixemos caso e morreu o conto. Pero iso de ter que xurar e asinar eu que non era delincuente sexual coas alumnas -ou alumnos, supoño- pois facíaseme todo o costa arriba que poden imaxinar. Un insulto tan grande -unha presunción de culpabilidade que tiña que negar explicitamente- non o recibira na miña vida profesional, e viñera da man da Administración.

O caso é que despois de pensalo moito, asinei. E non o fixen por fuxir dun enfrontamento -o primeiro que tería coa Administración na miña vida profesional- senón porque cría e creo que os ex debemos ser especialmente discretos, moderados e colaboradores co que ocupe a responsabilidade que outrora foi nosa. Iso si, estaba convencido que o papel non valería para nada. Tamén tomei a decisión de que, en canto puidese, deixábao, pois aquela non era nin a ética nin a estética da Administración á que servira lealmente na miña vida profesional.

E véñolles contar isto porque o caso Baltasar -esa contratación por parte da Administración local de Ourense dunha persoa xulgada e declarada culpable un par de veces por asuntos turbios de índole sexual- demostra que ese papel asinado non valía para nada. E logo? Porque se a tal contratación pública e notoria non activa os mecanismos xudiciais, pois é obvio que o papel é inútil. Non creo que haxa que pedir explicacións imposibles, fóra do espazo xudicial. Cousas tipo “Lo siento, me he equivocado, no lo volveré hacer” vemos que non serven para que o cidadán mellore opinión do errado, e só valerían para poñer o foco aínda máis nun personaxe que se alimenta da sobreexposición e da sobreactuación. Simplemente, se hai delito en que unha Administración contrate a un condenado por delincuente sexual, póñase en marcha a Xustiza -de seu ou inducidamente- para identificar o responsable e actuar en consecuencia.

Ao meu tocaio Alfonso Capone pillárono por un tema de impostos. E se non hai delito invalidante nesa contratación, pois que sigan preparando as eleccións uns e outros e que os cidadáns decidan, aconsellados por Deus ou polo demo. Lembren, entrementres, aquela viñeta de Ramón na portada de Hermano Lobo do 2 de agosto de 1975 na que un político no poder da época -Franco aínda espernexaba- dicía: “O nosotros o el caos”, ao que o público respondía: “El caos, el caos”, e o político retrucaba: “Es igual, también somos nosotros”. Daquela non había eleccións. Agora, estas garanten que unha sociedade nunca ten mellor goberno que o que merece. Así que se fomos bos e o merecemos, a ver que nos traen os Reis en maio. Incluído Baltasar, claro.

Te puede interesar