Sobre as obras no museo

Sobre as obras no museo

Que ningunha outra institución lle ripase no noso imaxinario o nome de “museo” ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense fala da falla de dinamismo da cidade durante estes dezasete anos de peche. O lóxico sería que se tivesen desenvolvido outras iniciativas baseadas en pequenas realidades xerminais (cornamusa, catedralicio, diocesano, roda de afiar...) ou concretado algunha das grandes declaracións políticas que tivesen “asumido” inercialmente o nome de “museo” ante a clausura do da Praza Maior; pero non. En Ourense, o “museo” segue sendo o Museo Arqueolóxico aínda que non estea ao cen por cen. Desde a institución de Ferro Couselo, de Paco Fariña e agora de Xulio Rodríguez, poden estar tranquilos: ninguén ocupou o seu lugar. 

Para os que non o coñeceron, existe xa unha imaxe idealizada do seu pasado; para todos, o compromiso do seu traballo e os azos redobrados ante a adversidade. Varios eixos de actuación fan que estea vivísimo entre nós, nestas duras circunstancias: Un, o Boletín Auriense; unha das revistas científicas de humanidades máis prestixiosas do país, segue número a número, extra a extra o seu traballo ininterrompido. 

Dous, as exposicións organizadas tanto no seu espazo de obra -abrindo as escavacións do Pazo do Bispo ás visitas- como nas salas de Abanca, Marcos Valcárcel, Valente, Centro de Interpretación de San Cibrán de Las, etc. e mesmo itinerando fóra de Ourense. Lembremos: Marcelo Macías, o Padre Feixoo, Parada Justel, a Restauración no Museo, a da fotografía arqueolóxica... Poucos medios, pouca externalización, máxima rendibilidade do esforzo de pouco máis de media ducia duns técnicos e traballadores exemplares no servizo público. 

Tres, a continuidade da vida activa, tamén coa busca de recursos ou colaboracións fóra da propia administración: os obradoiros para rapaces, as actividades do Día dos Museos, os concertos no Claustro, as proxeccións de cine no Xardín, pero sobresaíndo entre todas elas, a celebración da Peza do Mes. En febreiro chéganse ás duascentas pezas, vinte anos, mes a mes, de focalización do interese nun obxecto senlleiro do Museo para estudalo e difundilo. Os douscentos folletos elaborados con todo interese pero desinteresadamente polas xentes do Museo, son o catálogo das principais pezas arqueolóxicas e artísticas nel custodiadas. 

E catro, na proxección pública: a Sala de Escultura de San Francisco, pequena sala testemuñal dos seus fondos, e a importantísima incorporación ao mundo do ciberespazo, na web e facebook propios, e na páxina do ministerio CERES -Colecciones en Red- con máis de 1.600 fichas pezas con estudo, datos e fotos. En fin, a eficacia na xestión destas liñas de traballo, con tres sedes atendidas case en precario (San Francisco, A Carballeira e a Praza Maior), supervisando San Cibrán de Las, e cun traballo interno silencioso e oculto, de restauración, organización de fondos, préstamos, visitas guiadas, atención a investigadores, elaboración de proxecto museolóxico e plan museográfico para as novas instalacións, e o impulso a proxectos tan pioneiros no estudio do discurso histórico e ordenación do territorio como Patrimonio Cultural da Alta Limia, evidencian o contraste entre estes técnicos e traballadores e o mundo político-administrativo con que lles tocou convivir.

Os museos, coa súa seriedade histórica, investigan, conservan e difunden de acordo a planos, programas e proxectos; lonxe, por definición, de improvisacións, foguetes e cámaras. 

É evidente que o retraso das obras non tan nada que ver con eles; responsables hainos noutros lugares. Neste intento de poñerse medallas políticas de arestora, hai que dicir que algo de razón comparten: deles todos foi a responsabilidade da parálise: a falla de encaixe entre tres administracións -local, autonómica e central-, os distintos intereses dos técnicos museísticos -os museos- e políticos -a política-, as parálises das documentacións no enguedellado maremagnum administrativo -incluído o local, claro- con longas e procelosas viaxes de departamento en departamento, de lentos informes, de poñerse de esguello nas responsabilidade... explican boa parte desa tardanza. En fin, agora é cousa superar o pasado e, como na transición, traballar conxuntamente cara adiante. Aínda haberá problemas porque “hasta el rabo, todo es toro”. Pero agora imos ben. Seica.