Opinión

Sobre o "Samaín"

Non lles escribín este artigo a semana pasada para que non me chamasen agoiro, augafestas ou antipático. Pero o certo é que non me acaba de entrar polo ollo o “Samaín”. Algunha vez, hai anos, xa lles contei que “Samaín” era unha palabra irlandesa, endexamais presente en Galicia, que vén significar alí “día de santos” e dálle nome ao mes como antes se facía aquí, “o mes dos santos”; e que Hallowen é palabra inglesa que vén significar “noite de todos os santos”.

Nada, pois, que ver nin unha nin outra palabra connosco. Nin unha é imperialista, nin a outra enxebrista. Son dous matices, dúas trapalladas, unha mesma importación. E claro, a globalización ten, por suposto, cousas boas e outras malas. Das boas poucas veces se fala, pero o avance da humanidade ten que ver moito con compartir eses novos coñecementos e experiencias, e incluso costumes e actitudes novas. E entre as cousas menos boas está a de superpoñer palabras de fóra a outras nosas “de noso”.

Voulles poñer un exemplo, pois ata na Biblia usaron parábolas, ou sexa reviravoltas, para explicarse. Nós falamos das “filloas”, así foi sempre, para ese postre ou sobremesa tradicional. Haberá a quen lles gusten de caldo -moito por Coruña- outros de sangue -moito por aquí e acolá, e a outros, as “normais” con mel, de leite, como a min. Pero non me acaba de deixar de sorprender o uso da palabra “crepe” á francesa ou, de teren estado na emigración americana, “panqueque” á moda arxentina. Que necesidade temos! As filloas son filloas e non hai que matar a cabeza buscando modernidades.

Pois ben, o “Samaín” ou o “Hallowen” resúltanme igualmente estraños aínda que relacionados, claro, co culto aos mortos que nós, por suposto, compartimos. Pero nada tan actual e produto da mercadotecnia como a invención de “vellas e ancestrais tradicións e costumes, propios dos nosos maiores”. Igual que acontece co “apalpador” do que, por sorte, xa case non se oe falar. En fin, se queremos facer un día ao redor da desdramatización da morte, non temos que copiar nin aos mexicanos nin aos irlandeses nin aos estadounidenses.

Hai denominación e material sobro para crear “a nosa enxebre e ancestral tradición” partindo de nós, agora que as vellas cousas deben buscar novos camiños. Podésmolle chamar “Día dos Defuntiños”, se queremos, e así, co diminutivo, facemos aproximación cariñosa e relacionámolo cos nenos e nenas que fan destas cousas escolas. E temos nós algunha propia, simpática e residual crenza fixada na etnografía tradicional á morte para modernizar? Pois, concordarán comigo en que a “Santa Compaña” ou “Estántiga” -seica de hoste antiga- están aí esperando por nós. 

Dicía o amigo Fernando Trigás o outro día de facermos o día tal, a noite tal, a dos “Defuntiños”, unha movida cidadá -tipo Enterro da Sardiña na fin do Entroido- de xentes vestidas a modo de Santa Compaña, calados, tapados, recollidos, cuns cirios -como na procesión de Fátima-, pasando unha cruz a un non disfrazado, un “vivo”, para que a que collese pagase un viño... E non me pareceu nada mal.

Cumpría darlle unha volta ao tema. Dicíalle Risco a Manuel Antonio nunha carta ao aconsellalo sobre as vangardas poéticas no ano vinte algo así como “se algo han apreciar en nós os de fóra é o que teñamos propio e enxebre, non as copias, sempre burdas e impropias, que deles fagamos”. O noso “Samaín” nunca deixará de ser unha copia trapalleira. Outra cousa sería outra cousa.

Te puede interesar