Opinión

O solpor do roubo dos móbiles?

A publicidade dos grandes roubos –bancos a velliños que nin saben ler, directivos das caixas que se autoindemnizan millonariamente, políticos que contan o forrollo nos coches, ou quedan nas gasolineiras de noite con tipos sospeitosos, sindicalistas que andan ao que andan en Andalucía, etc.- está case ocultando a grande perniciosidade e molestia dos pequenos roubos cotiáns. Ademais, como estes ladróns de baixa estofa están moi profesionalizados, saben latín. Non polo trato co dereito romano na facultade, senón polo trato na vida mediante o exercicio de proba erro, e comprobación de que hai moitísimas fisuras no sistema legal que de tanto “in dubio pro reo” chegouse a situacións case estrambóticas na necesidade de proba ata o máis mínimo detalle para que a maquinaria se poña en marcha. Ás veces hai a sensación de que as leis protexen máis ao delincuente, alto de bancos ou baixo de cobres, que ao cidadán do común. Eles, uns e outros, saben moito máis ca vostede e eu xuntos das voltas e reviravoltas da lei. De aí que, para min, quen invoque á lei en vez de á ética, apareza como sospeitoso.

Lembro como unha amiga que traballaba no Pazo de Xustiza me comentaba que un ladrón de baixo nivel pillado in fraganti –ou nas patacas, pola enxebre- e levado unha noite dun, creo, mércores ao xulgado de garda, protestou cando lle viu a cara ao xuíz, e exclamou: “Pero que fai vostede aquí? Os mércores tócalle garda a fulano!” E que o outro tiña fama de non complicarlles a vida e segundo entraban, saían. En fin, os delincuentes saben que se o que rouban vale menos de catrocentos euros, non están cometendo un delito senón unha falta, e entran e saen da comisaría sen despeinarse. Foi famoso o caso das “bosnias”, unhas carteiristas do metro de Madrid que levaban contabilizadas 330 detencións cando un xuíz decidiu prohibirlles viaxar en metro.

Ben, pois teño un amigo a quen o outro día de copas, lle roubaron unha cazadora nun pub da zona vella de Ourense, e levaba dentro un móbil de última xeración. O caso é que ao cabo dunha hora, soubo quen fora e onde estaba o aparello. Nada de sospeitas, seguridade total. E como? Porque o burro do ladrón fixo fotos e selfies sen decatarse –o modelo era complicado- de que o meu amigo tiña vinculado o teléfono coa nube e alí subían automaticamente todas as fotos. Ademais, tiña activado un GPS oculto que lle daba a localización exacta do aparello. O caso é que foi a comisaría denunciar o roubo e o monto entre chupa e móbil superaba os 400. E coa información complementaria das fotos do ladrón e a localización en pantalla da localización do teléfono en cada momento, pois só cumpría poñerse a elo. A policía, claro, procedeu. O meu amigo xa ten o móbil e o ladrón un problemiña máis. Así que, queridos ladróns de móbiles, ou espabilades –cousa difícil- ou debedes ir pensando en volver á escola, facerse bos, buscar un xefe e baixar o lombo. Esa tecnoloxía que tanto vos cobiza, vaivos pillar os dedos. Ou algo máis.

Te puede interesar