Opinión

Un soño británico

Señores e señoras deputados do noso vello Parlamento de Westminster. Despois do referendo do pasado día 23 e da dimisión de David Cameron, cábeme a min Mr. Taylor’s Rich, a honra, a proposta dun grupo amplo de deputados, de someterme á súa aprobación para ser proposto como presidente do goberno á súa Maxestade, Isabel II. O momento histórico e os retos a que nos enfrontamos son especialmente complicados pero con audacia e decisión sairemos adiante. O desacougo británico produto dunha historia de relación difícil co continente materializouse nunha axustadísima maioría de electores que manifestaron a súa vontade de situárense fóra das instancias europeas.

O meu colega David Cameron adquirira o compromiso persoal de someter a referendo a permanencia do noso país na UE e como tal, cumpriu a súa palabra. O pobo expresouse, e este parlamento soberano debe sopesar os resultados e á luz tanto desa voz como das circunstancias que se produzan no momento, tomar as decisións máis adecuadas. Velaí a esencia do noso parlamentarismo que desde hai tantos séculos é un exemplo para o mundo. Empezarei polos resultados: Sobre un corpo electoral posible de 46.501.241 un 37,44 por cento, isto é 17.410.742 votantes, manifestaron a súa vontade de saír da Unión Europea. Certo que foron o 1,9 por cento máis da metade dos votantes efectivos os que isto dixeron, pero parece unha diferenza moi escasa para unha decisión tan transcendente. Moitos son os estados, ademais, que para decisións desta índole requiren resultados superiores ao 50 por cento do censo ou incluso máis. E, como é agora sabido, a desigual distribución da negativa polo territorio, abriu de novo a posibilidade real da desintegración do Reino Unido. Se se fixese efectiva a saída da Unión Europea pero a cambio se producise a desaparición da nosa vella alianza de nacións, coa saída de Escocia e Irlanda do norte, que gañaríamos? Pasaríamos, si, dunha grande e plural Gran Bretaña á unha Pequena e simple Inglaterra. Cantos ingleses, cantos galeses, cantos británicos, en fin, estarían dispostos á desfeita do que a Union Jack representa? Polo tanto, meus queridos compañeiros depositarios da soberanía nacional, pido o voso voto para a miña investidura co punto central da non aceptación do resultado dun referendo legalmente non vinculante e baseándonos nestas dúas premisas: a escaseza da vitoria dos partidarios de saír e o cúmulo de problemas internos e externos que nos depararía.

Non se trata neste momento de escoller entre as nosas forzas políticas, todas desacougadas como a nación, senón da solución do dilema. Trátase de que este Parlamento depositario da Soberanía Nacional, exercendo a súa responsabilidade, rectifique unha decisión minoritaria e impulsiva na que tan pouco peso tiveron as razóns e proxección de futuro. Trátase de ratificar por unha maioría decisiva, a nosa permanencia definitiva na Unión Europea: In is in. Durante a II Guerra mundial dixo Sir Wiston Churchill que 'nunca tan poucos fixeron tanto polo país' referíndose aos pilotos da RAF. Eu pensaría algo semellante de vostedes ratificaren o meu nomeamento e esta permanencia en Europa. Vostedes, responsables políticos, deben exercer neste momento, unha clara orientación sobre o pobo que representan. A rectificación agradaría, creo, a bastantes dos que votaron impulsivamente o Brexit e desagradaría, sen dúbida, aos grupos non democráticos de Europa e, incluso, por que non dicilo, a determinados poderes fácticos que buscarían cubrir os ocos que a nosa saída do proxecto Europeo, provocaría. O empeño da palabra de Mr. Cameron custoulle a el o cargo, pero non nos pode custar o país a todos. Thank you very much.”

E nestas sou o despertador.

Te puede interesar