Opinión

Suscrofacidio preciso

Non se me asusten. Non a busquen en Google nin no dicionario que non existe. Acabo de inventar a palabra. Gústame. Pensei en escribir “suscidio”,  pero podería pensar o corrector do xornal que era un lapsus clavis -erro de tecleo, expresión irmá do lapsus linguae e do lapsus cálami-   de quen lles escribe, e podería tratar de corrixilo. E facer o equivalente ao que fixo un seu antecesor nun artigo de Otero Pedrayo do quince de xaneiro de 1959 para ser exactos,  que se titulou “El deán futbolista” e que unha vez lido, resulta que o que escribira o de Trasalba fora “Deán fabulista”. Si. Un tal Luís Folguera Sión, deán da catedral, lambón el, dáballe contra 1811, por escribir fábulas e versos curiosos e dicir cousas como “Chocolaterica mía/ hermanita condenada/ por fuera estás quemada/ y me acuerdas el infierno/ mas digo en el fuego interno/ ¿no eres más deliciosa, y fragante que una rosa?” O caso é que co raro da palabra “fabulista” -e da letra de Otero- e o pois “futbolista” pareceulle mellor ao responsable e tal quedou. Supoño o sorriso de don Ramón e a lectura estrañada dos futboleiros, sen toparen nada en relación ao enredo ese da pelota no texto.

O caso é que se escribo “suscidio” aínda que non o corrixisen o lector lería automaticamente “suicidio” e nada máis lonxe.  E ademais “suscidio” integraría na categoria a todas as clases de “sus” a morrer, e non se trata de tanto. Polo que se digo directamente “suscrofacidio” non se entende, polo que non hai erro, a non ser que o lector sexa da rama das ciencias naturais e saiba que “sus scrofa” é a forma científica de chamarlle ao que os comúns dicimos xabarín, xabaríl ou porco bravo, fronte ao marrau que sería o “sus domestícus”. E de aí, este vocábulo inventado e de escaso percorrido -morrerá sen dúbida hoxe- ten que ver coa necesidade que o articulista ve de emprender unha acción decidida, desvergonzada, exenta de prexuízos e mixiricadas, para a eliminación global, que non absoluta, dos xabarís en Galicia. Explícome. Onte á noite viñen de Vigo e vin dous accidentes xabarinescos. Nun, nas proximidades do aeroporto, unha rapaciña nova que ía soa  choráballes a uns garda civís co coche moi afectado mentres o bicho aínda espernexaba no asfalto. Noutro, na baixada da Cañiza, un tipo maior, cunha funda de traballo,  fumaba e maldicía o porco bravo, mentres os civís azaneaban as luces amarelas como espadas da guerra das Galaxias para que non nos levasemos por diante a escena completa. 

E hai uns meses saltoume unha familia de porcos bravos preto de Amoeiro e batín cun corzo onda o vasureiro de Vilar. Todos os condutores habituais temos historias parecidas. E síntoo moito: hai que tomar medidas. O ano 2016 o xabaril causou 3.500 accidentes de tráfico en Galicia. Nos últimos dez anos máis de 10.000 se produciron por corzos e xabarís. E a solución non creo que sexa escorrentalos de aquí para alí, ou o imposible de valar as estradas todas. Hai que reducir a poboación de forma drástica, ou sexa, matalos. Unha vez que o monte avanza e sen depredadores á vista, o xabaril medra sen control nin teito. E para facelo retroceder, empecemos por darlle carta branca ás batidas sempre que queiran os cazadores. E se son bacoriños, mellor, xa non medran. E xa nos lles digo se se comen: Festas como as de Asterix, Obelix. Nada, nada. Hai que pórse. 

Te puede interesar