Opinión

TABARÉ VÁZQUEZ, IN MEMORIAM

Morreu Tabaré Vázquez! O que fora home de referencia da esquerda uruguaia durante moitos anos, alcalde de Montevideo, dúas veces presidente, oncólogo famoso... Tiña nome cruzado de literario -Tabaré-, heroe charrúa, ou sexa, indíxena uruguaio,  exterminados logo da independencia,  e dun Vázquez ben noso.

Permítanme que lles conte unha anécdota persoal. Resulta que no verán boreal de 1992, inverno alá abaixo, fun a Buenos Aires buscar materiais para o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura, que estabamos montando. Como botara máis de nove meses nos anos inmediatamente anteriores dando clases, coñecía ben as sociedades de emigrantes, os axentes culturais, e sabía en que portas petar. O caso é que coincidín coa expedición do Consello da Cultura que montou a exposición “Galicia e América”, primeiro no Concejo Deliberante -preto da Praza de Maio- de Buenos Aires, e logo en Montevideo. Así que en canto pechou en Buenos Aires, choutei o Río da Prata para seguir localizando materiais en Montevideo e, de paso, botar unha man na montaxe da exposición ós amigos Miguel Anxo Seixas e a Manolo Suárez, daquela secretario do Consello e tan vinculado, onte e hoxe,  a aquelas terras.

A  exposición constaba de moitos paneis trabados entre si, e foi instalada no Cabildo, un edificio colonial que lembro bastante deteriorado daquela, na Plaza Matriz, centro da Ciudad Vieja, e que dependía da Municipalidade. O caso é que tiñamos a estrutura de paneis alí, ao noso pé, e estabámoslle dando voltas en como montala nas salas onde se inauguraría ao día seguinte pois entraba xusta; a cousa non era fácil. Ata que sucedeu o milagre. De repente oímos que se dicían: “Che, que viene el intendente (o alcalde)”. E todo traxeado e sorrinte, achegouse a nós Tabaré Vázquez e díxonos: “¡Ah! vós sós los gallegos que venís a montar la exposición”. Dixémoslle que si, e azaneou para que se achegasen os seus empregados no local e díxolles pousado e con extrema claridade: “Mirá, lo que digan estos pibes, lo que pidan, como si lo dijese yo, ¿está claro?”, sorriunos de novo e marchou rápido co seu séquito. Miguel Anxo e eu quedamos coa boca aberta e empezamos a pedir... Un prolongador de 50 metros de cable, un electricista que puxese uns focos... unhas maus para axudar coas caixas... De forma tal que ao día seguinte, no acto de inauguración, logo de falar a representante do Consello (Mª Xosé Rodríguez) e o político da Xunta (Daniel Varela), tomou a palabra o intendente e comezou: “Bajaba yo un día de Vilar de Astrés a Ourense a pie, después de buscar allí la casa de mi abuelo José, José Vázquez...”, e despois contou que viñera a un congreso organizado polo Colexio Médico e aproveitara para subir a Vilar e emocionounos a todos cunha historia común de necesidade, emigración, esforzo e neto médico.  Alí entendemos a súa simpatía co noso traballo. Ben sabía el do tema.

Despois pensei que  se cadra aínda eramos parentes. A miña bisavoa Remedios Vázquez Araujo nacera en Gustei, pero seu pai, meu tataravó, José Vázquez -o Rangán- nacera en Lodeirós, un lugariño de Vilar.  Que ambos José Vázquez tivesen algún parentesco  é probable. Pero, a verdade, máis arriba do tataravó, non teño datos nin lembranzas prestadas. Boa xente, Tabaré Vázquez, moi boa.

Te puede interesar