Opinión

Tanxugueiras, Andres do Barro e Castelao

Tres fíos para unha trenza. Non, Castelao non cantaba. Tocou a guitarra na tuna, incluso no Teatro Principal de Ourense, creo, de memoria, que en 1912, pero non cantaba. Non como Celso Emilio Ferreiro que cando mollaba a palleta o suficiente -cousa que seica facía ben- botábase a tocar o pandeiro e empezaba a cantar na taberna, fose no Galo en Celanova ou no Elixio en Vigo. Tampouco como Blanco Amor que presumía -entre outras moitas cousas- de ter gañado, de mociño, concursos de alalás. Non, Castelao non cantaba. Que se saiba. Pero as Tanxugueiras gañaron o apoio popular de toda España no Festival de Benidorm, o propio día que Castelao cumpriría 138 anos, 29 de xaneiro. Confluencia astral. E un século despois de 1922, en que o de Rianxo concluía as súas colaboracións co xornal madrileño El Sol. Moitas delas son os debuxos do Album Nós -como o de “Lástima de Bois”, ou en “Galicia non se pide nada, emígrase” ou o de “A nosa Terra non é nosa” e foron incluídos, si, en lingua galega-. E que pinta nesta historia, o terceira fío da trenza, Andrés do Barro? Este si, cantaba, e moito e ben. E aínda hoxe aos rapaces sóalles -e todos os vellos sabemos tatarear- “O tren que me leva pola beira do Miño...”, letra de Xavier Alcalá e música e voz de Andrés do Barro, e que en novembro de 1969 estivo de primeira no hit parade de toda España... e en galego, claro.

Pois si. Podemos ver nestas tres lembranzas, unha próxima, outra distante e outra prestada, como todas tres, Tanxugueiras, Andrés do Barro e Castelao, triunfaron en boas capas da sociedade española, desde a súa identidade e lingua propias. E isto é así, creo, porque a nosa identidade, mesmo a lingua reivindicada explicitamente, como no discurso das Tanxugueiras, non suscita de seu un rechazo popular na hipersensible España monolingüe. E creo que esta percepción particular que de nós teñen -sería impensable un fenómeno Tanxugueiras catalán- vén de que no imaxinario colectivo do pobo da España monolingüe, esas manifestacións que lles chegan de Galicia vincúlanse non con elites políticas ou económicas coas que eles se senten enfrontados, senón co vivir e sentir das xentes populares desa Galicia que á inmensa maioría dos españois lles resulta unha realidade sumamente atractiva e velaí está o incremento do turismo ás nosas terras, o éxito do Camiño de Santiago, ou as enquisas de simpatía dunhas comunidades a outras, que non deixan mentir.

Perdoen a presunción, pero creo que a España para arranxar algúns dos seus problemas lle é imprescindible aprender de Galicia. Debemos facerlles sentir aos habitantes da España amarela -como se ve no satélite-, como ben souberon facer as Tanxugueiras, que a diversidade non é cousa mala senón todo o contrario, porque a capacidade de sentir da xente común non está tan tensionada e manipulada como os opinadores nos medios fan crer e como as elites parasitarias da confrontación necesitan e promoven desde os seus púlpitos mediáticos. Si. Ao lado da España guay do spaninglish perreón do bum-bum, mamy, bum bum, aspirando a ser illa reguetonera do Caribe -o meu respecto máximo á actriz e cantante Chanel a quen intúo un futuro prometedor na industria musical- hai outra España diversa, europea, occidental, atlántica, identificada coas súas múltiples raíces que debe emprender, toda ela, peregrinación a Santiago para expiar os seus pecados e vivir un Camiño no que poidan emprender unha nova vida en común. Que Pontón e Feijoo as felicitasen é un exemplo. Que a unidade no noso sentir común fose acollida con simpatía en toda España, máis alá da lóxica simplona da industria musical, é cousa de agradecer e valorar.

Te puede interesar