Opinión

Tereixa Gomes, a que non calou. Ourense, 1458

Unha das marabillas desta cidade é a inmensa cantidade de documentación medieval que hai sobre o seu pasado. Unha das sortes é que Ferro Couselo publicase na “Vida e fala dos devanceiros” centos destes documentos que nos dan unha imaxe parecida de como era a vida naquela altura medieval. En varias ocasións me teño referido a estes documentos. Como cando o 13 de xaneiro de 1432 acordan no pleno do Concello a norma de aparecérenlle a comer todos na casa do concelleiro que non fose ao pleno “estando na cidade e habendo saúde”. 

Ben. Pois entre estes interesantísimos papeis hai un que non me lembrei de traer a conto con motivo do pasado 25 de novembro, pero que lles traio agora. Trátase dunha denuncia que o día 29 de abril de 1458 fai unha moza, Tereixa Gomes, filla de Gomes do Tiollo, ante os rexedores (concelleiros) e procurador (alcalde) Nuno de Ousende, contra Johan, criado de Xoan de Novoa, pedindo amparo. A verdade é que na historia aparecen bastantes Xoan de Novoa, todos eles de natureza rabuda, caste do Ribeiro, recastada en Maceda e estendida polo mundo, desde o descubridor de terras africanas e asiáticas para a coroa de Portugal do mesmo nome. E tan impulsivos eran que un Xoan de Novoa, se cadra o mesmo deste documento, lle contestou ao abade de Montederramo cando lle requiriu documentación sobre a propiedade dunhas terras, un sonoro: “E eu que título hey de mostrar mais que avelas herdado de meu Pay, e meu Pay de meu Abó, e meu Abbó de nossos antepasados, que as posuíron dende que o Mundo foy Mundo. Vos, e San Bernaldo –que era da França-, e a Puta que Vos pariu, que tendes que Ver coa miña facenda por Uns poucos papés derrocadeyros que presentaes?”. Isto conta, canto menos, o Conde de Gondomar alá polos comezos do s. XVII. Xente brava, os Nóvoas. E os criados, de tal caste.

Di na denuncia a Tereixa: “Que como o día donte a medeo día estando ela mansa et segura eno Seixo, cabo da viña de Roy Gomes e de Roy Gonçalues, e non fasendo mal nen nojo a persoa algua porque mal deuese reçeber, que o dito Johan aderençara a ela et que a tomara por los cabelos e a leuara de arrastro por dormyr con ela, et se non fora Roy Garçia, canónigo e un seu moço, Gonçalvo Garcia, que a forçara e dormira con ela, o qual todo daba por queixa et querella con juramento que fasía, e que lles requería que procedesen contra el, segundo que por dereito manda e requere en tal caso. E os ditos rejedores e procurador diseron que lles pesaua delo e, que se o podesen auer, que o prenderían e farian aquelo que con dereito deuesen et que o protestaban de o queixar et querelar a noso señor el El Rey, etc.”.

Ou sexa, unha moza, ela mesma, invoca a lei e denuncia ante o concello á persoa que intentou violala (curioso eufemismo, durmir con ela). As autoridades municipais respóndenlle que como o prendan, farán xustiza e tramitarían a denuncia perante a autoridade real. Tremendamente significativo: sempre houbo agresores e sempre houbo quen non calou. Desde logo, non era mal nome para unha casa de acollida, un colectivo feminista, para ou algo así. “Tereixa Gomes”, a moza que non calou aquel 28 de abril de 1458. 

Te puede interesar