Opinión

O traparratrá do lume

Outro ano máis cos lumes ás voltas! Outra morte no monte! Todo se volve absolutamente previsible. Calor, seca, vento... lume na palleira, lume no monte, nos montes de sempre, si. Cualedro, Velle, O Xurés, Monterrei... Falta a Zarra en Cudeiro e as proximidades do ex-vasueiro de Vilar de Astrés. Pero non arden as conciencias, tan seguros estamos todos. Si. Podemos volver escribir os mesmos artigos, encabuxarnos como todos os anos, falar mal do goberno -do que cadre-, imaxinar tramas ocultas, soñar madeireiros incendiarios, pensar en especuladores da recualificación de terreos, temer empregados da celulosa plantando lume para promocionar eucaliptos, sospeitar tolos, xente ruín... E podemos seguir coa matraca habitual ata que cheguen as chuvias do outono para pasar a outros temas e esquecer o asunto ata o vindeiro verán. Daquela apertará a calor e será o volver empezar. Iso si, cunha indignación anovada, sobre todo se hai mortes como a do pobre Jorge Jardim, o piloto do hidroavión de Lobios do outro día. 

Pero nada terá a mínima efectividade, nin percorrido diferente ao de sempre, se para afrontar o problema non temos novos recursos máis que a ladaíña de todos os anos, a busca do “culpable único” e obsesionar o publico co número de hectáreas, como se fosen o mesmo carballeiras ca silveiras ou soutos ca xesteiras. E como sumar na fauna carrachas e vacas. E non. Para obter resultados distintos debemos pensar cousas distintas, tratar de facer pactos de país, e descúlpenme, desdramatizar no posible e fóra as mortes, o tema. Os lumes que hai dous anos asolaron a autopista Ourense-Vigo, son case imperceptibles hoxe. Temos un marabilloso aliado que é a capacidade extraordinaria de recuperación da natureza subtropical húmida que nos cadrou en sorte. E si, digámolo, moitas hectáreas de carqueixa e toxo, non fai mal ningún que ardan. O malo é que sexa de forma descontrolada. Porque limpar o monte con queimas, se se fai con xeito, en determinadas épocas, baixo supervisión especializada, non é disparate ningún. Creo que se repousásemos un pouco deberiamos empezar a falar da “xestión do lume” -”fire management”- como fan noutros países tipo Australia, por exemplo, e non só dun combate imposible de gañar... aínda que moitos gañen moito con el. Si. O lume non é o inimigo, éo o lume descontrolado. Ben usado -como nas cociñas ou sardiñadas- é aliado e amigo entrañable.

O outro día sinalaba La Región que as fincas de cultivo están abandonadas entre un 60 e un 80 por cento na provincia de Ourense. Velaí a cerna da cuestión; non cómpre falar máis. O campo está a monte -todos sabemos o que é “estar a monte”- e o monte arde. E que uso se lle pode dar a un campo con pouca xente? Gando? Silvicultura? Falen os sabios, calen os políticos e deixen de usar o lume para tratar de queimarse uns a outros. Sempre. Inda lembro a que lle caeu encima nada máis tomar posesión, ó Alfredo Suárez Canal. En fin, entrementres, hai que eliminar, con xeito, a biomasa descontrolada. Non podemos ter os montes cheos de estopa, que chega o demo e sopra. 

Te puede interesar