Opinión

O tren que me leva pola beira do Miño

Como ben sabemos todos desde que temos tren rápido a Santiago e Coruña, incluso a Madrid, o seu uso incrementouse moitísimo. E hai unha noticia importantísima que ten que ver co tema e que pasou sen a relevancia debida para nós, para os ourensáns. Refírome á decisión do Goberno portugués, xa comunicada oficialmente ao de España, de priorizaren a conexión de alta velocidade co Eixo Atlántico de Alta velocidade de Galicia antes que con Madrid. A cuestión parece moi lóxica: para un país alongado e de poboación concentrada na costa, é mellor ter unha alta velocidade que vaia en paralelo ao mar e comunique Lisboa coa rexión norte de Portugal e con Galicia, ese mercado potencial do que se nutre, por exemplo, o aeroporto de Porto, antes que facer unha liña Lisboa-Madrid, por terras, perdón, ermas e “vaciadas” polo medio. Certamente ese AVE a Galicia servirá para cohesionar a Eurorexión Galicia-Norte de Portugal, baixo o pulo do estado portugués. Gato branco, gato negro, que cace.

Ben, eles xa expuxeron que o seu desexo é conectaren da forma máis rápida con Vigo e desde aí, con Pontevedra, Vilagarcía, Santiago, Coruña, por unha parte; e Ourense e Madrid, por outra, e nós debemos dar resposta. O AVE portugués avantará sobre o Miño a uns dous quilómetros de onde o fai hoxe, augas arriba de Tui, para dirixise directamente por Guillerei a Vigo. (No BOE do 10-X-2011 aparece o trazado.) E se imos ter liña de alta velocidade en Guillarei -ou sexa cara a Vigo ou ao Porto- a min paréceme que estamos a tempo de reconsiderar o de pretender ir de Ourense a Vigo por Cerdedo, cuns custos elevadísimos e uns buratos excesivos (máis de 38 km en túneles para atravesar a Dorsal). En fin, máis vale tirar o pirixel -os estudos que hai ata o momento- que ter que comprar obrigatoriamente o cabrito. Creo que hai outras alternativas máis acordes cos tempos. Unha, a máis sensata para min, é reformar a vía para alta velocidade ou velocidade alta polo curso do Miño, máis ou menos por onde vai hoxe -ou zigzagueando por ambas beiras do río de ser preciso- e nada de túneles inmensos e carísimos, nada de nevadas... e se en vez de ir a 300 por hora, hai que ir máis lentos, pois teñamos en conta que a Guillarei hai, desde Ourense, só 69 quilómetros. E desde aí a Vigo, 21. Ou sexa, Ourense terá vías de alta velocidade que nos comunicarán con Vigo e Porto, a 69 quilómetros. Debemos desprezar esta oportunidade e meternos a dar unha volta por Cerdedo? Miren o mapa, por favor. Non teño dúbida de que os portugueses preferirían esta solución por máis directa para comunicaren, tamén, con Ourense e Madrid. A outra alternativa que barallaban os especialistas, a de irmos por Mondariz e Ponteareas, tamén parece máis sensata que a reviravolta por Cerdedo. Por aí, a viaxe duraría algo menos, pero a obra creo que custaría bastante máis. 

E pensemos ademais nas vantaxes de cartos europeos que hai para cousas raianas ou interfronteirizas, como podería ser esta vía ao pé do río que daría servizo a ambas beiras. En fin, o parón que haberá pola crise económica que temos encima debe permitir revisar a alternativa Cerdedo. Creo que esta idea que lles propoño é tan de caixón, tan simple, tan barata relativamente, que será case imposible: a inexorable teoría do máximo gasto promovida polos lobbies das megacontrucións perante as administracións ten unha forza enorme e unha grande versatilidade e recursos para disfrazarse de única opción de progreso. 

En fin, se Portugal nos declara a súa preferencia, debemos corresponderlles, en beneficio mutuo. Xa saben como penso: hoxe o sur debe ser o noso norte. 

Te puede interesar