Opinión

Os últimos de Filipinas

Unha película pon de actualidade aos últimos de Filipinas. E un furga na historia a ver o que hai de verdade e o que hai de idealización. Interésame o porque de pequeno oía contar historias desa guerra ao meu bisavó Gumersindo. Non de Filipinas, alí foron poucos, calcúlase que uns dez ou doce mil en total, mentres que a Cuba foron uns douscentos mil, entre eles el. En Filipinas morreron poucos, porque o exército estaba formado maioritariamente por filipinos amigos con mando españois e a guerra durou tamén pouco. Na batalla de Cavite -destrución da frota española- morreron 58 mariños; no sitio de Manila, 49 persoas máis. E acabou a guerra.

Salvo os pándigos de Baler, claro. E axiña empezou outra guerra entre os filipinos e os americanos. Os especialistas non se arriscan a dar cifras de españois mortos alí, pero en calquera caso, as cifras son baixas. Esaxerando moito, digamos mil. Sabemos que viñeron sobre 2.500 repatriados enfermos. En Cuba era outra cousa. Atroz. Segundo as cifras oficiais publicadas nos boletíns do exército, entre 1895 e 1898 morreron en Cuba 48.819 soldados, dos que un 94 por cento o foron por enfermidades e á penas un 6 por cento en combate ou consecuencia das feridas. Repatriaron uns 150 mil soldados. Os barcos eran morredoiros navegantes. Por exemplo, na travesía do vapor “Alicante” -chegado a Coruña o 30 de agosto de 1898- morreron 96 soldadiños, e agás un de quen se declara “infarto”, ou outros de enfermidades como disentería (35), diarrea (25), malaria (27), etc. En fin, unha guerra espantosa que quedou na memoria.


Creo que o sitio de Baler, os últimos de Filipinas, é unha idealización pura dun erro porque era necesario un feito para enxalzar un exército e uns inútiles políticos que viñan de perder outra guerra. Hoxe na igrexa de Baler hai unha placa posta polo Comité de Historia de Filipinas, que ten un texto resume do sitio que, por interesante, traduzo íntegra do inglés: 

“Unha gornición española de catro oficiais e cincuenta homes foi sitiada nesta igrexa polos insurxentes filipinos desde o 27 de xuño de 1898 ao 2 de xuño de 1899. En cinco ocasións rexeitaron as ofertas de paz e peticións de rendición. A través dos xornais guindados ao recinto por un emisario do xeneral Ríos o 29 de maio, a gornición decatouse por primeira vez que España xa perdera as Filipinas e que desde había varios meses xa non había bandeiras españolas ondeando en Luzón a non ser aquela da igrexa de Baler. Rotos pola fame e polas enfermidades tropicais, o comando derrotado arranxou un trato cos insurxentes, saíron da igrexa e marcharon a través das montañas o día 2 de xuño de 1899. Da gornición orixinal morreron de enfermidades dous oficiais, o párroco e doce homes; dous morreron polas balas dos insurxentes, dous foron executados; dous oficiais e catorce homes foron feridos; desertaron seis homes. A valentía da gornición foi louvada polo xeneral Aguinaldo nun documento público asinado en Tarlac o 20 de xuño de 1899. Á súa volta a España, os sobrevivintes foron recompensados pola raíña rexente en nome de Afonso XIII e da nación española.


En fin, morreron tantos fusilados como no combate: dous. A verdade é que cheira a que os flipinos os deixaran alí ao seu aire, maltratados polos mandos, ata que caisen da burra, doutro xeito non se entenden que só morresen dous de disparos. En fin, a peli vese. Pero é unha peli, eh?

Te puede interesar