Opinión

Ultraoptimismo postcovid19

Unha vez dicíame un psiquiatra amigo que igual que hai xente deprimida que ve todo máis negro do que é, hai xente eufórica que ve todo en positivo de máis. Por iso me expuña as súas dúbidas cando topaba un tipo así na consulta. Sería a súa obriga dicirlle que o mundo non era tan marabilloso e volvelo a unha realidade máis dura do que cría? Pois eu arestora vou facer de paciente eufórico co tema do mal reinante no 2020.

Para empezar, menos mal cos gustos do bicho. Afecta maioritariamente a vellos e enfermos, así, o 80 por cento dos mortos pasaban de 75 anos ou andaban escangallados xa... Peor sería que morreran nenos e mozos, como na gripe do 1918. Mellor ir indo nós, os que xa vivimos bastante, que fillos ou netos que teñen todo por diante, digo eu. 

Ademais, a afectación non tería por que ser enorme, fóra os gastos sanitarios. Por suposto, nada comparable a unha guerra. Nada de fábricas destruídas, nada de xuventudes decimadas, nada de naturezas asoladas. Un puro exceso de mortalidade nas franxas máis débiles que, como nos ensinan nos documentais de La 2, é onde atacan os depredadores. Así, pois, preparado o músculo social e económico para unha rápida recuperación; hai ganas e forzas.

Incluso as máscaras que ao principio nos daban grima, agora xa as imos vendo como bufandas, que non se descolocan por iren amarradas ás orellas. E os beneficios colaterais? Abres a boca canto che peta, non saúdas se non queres... “Ai, perdoa, non te coñecía”. E os sanitarios? Desaparición de gripes, mocos, toses, placas na garganta. Aínda ían ter razón os xapos ao andaren sempre con ela. Así, logo das vacinacións masivas, virá un tempo de saúde anovada para todo o mundo. Pensemos. Grazas ás vacinas desapareceron a varíola nas persoas, a rabia nos cans, o tifo... E coa distancia social, as máscaras e a anovada hixiene de mans, desapareceran as pragas de catarreiras, gripes, etc. para sempre, porque se non hai transmisión social dúas “tempadas”, os bichiños extinguiranse.

En fin, a redución de presenza nas rúas, nas estradas, nos bares, leva inexorablemente unha redución de mortalidade por accidentes de tráfico, e doutros males asociados e fai que moita xente ─os que non dependen dos gastos dos outros─ teña máis cartos nos petos. O modo de vida que se albisca, paseos na natureza, maior tempo de lecer e de dedicación a un mesmo e aos seus, non son nada negativos. A redución de viaxes a lonxe e o medre das próximas achégannos ao noso e teñen moito de racionalidade ecolóxica. Ir uns días a Tailandia, a Cancún, a Vietnam? Quere lugar exótico? Pasee polas praias da península do Grove que dan á ría de Arousa e que deixan a Sálvora ou a Meloxo no horizonte próximo, a dúas horas de Ourense. Coñece o mosteiro de Pitoes? Subiu á Penagache? E o teixedal de Casaia? Viu o mar desde Ourense? E Ourense desde o Castelao da Peroxa ou desde a Penamá? Coñecer as cataratas do Iguazú antes cá fervenza do Toxa? Pailanismo de aeroporto e tarxeta de crédito que tende a diminuír. E nin se gasta, nin presta gastar. Cambio de paradigma vital en marcha.

En fin, haberá vacinas neste 2021, e cambiaremos de tema que a xente está farta, pero tamén afeita xa a unha disciplina social construtiva. Así, pois, o futuro encararase con máis calma, elasticidade e bonhomía ─e boamullería, por suposto─ para a segunda parte do ano e para o vindeiro 2022 en que se materializará unha recuperación extraordinaria. Se nos unimos para derrotar este bicho, tamén o faremos cando nos ataquen os marcianos, estou seguro. E os políticos aprenderán do comportamento sensato e fraterno das xentes comúns.

Doutor, non poña esa cara, déixeme pensar así, por favor.

Te puede interesar