Opinión

Una ministra bocachancla

No Urbandictionary, un páxina que recolle innovacións de vocabulario, en paralelo ao mundo académico, dá tres acepcións para  “Bocachancla”: 1. Persona que habla más de la cuenta o de lo debido. 2. Persona indiscreta, un bocazas. 3. Persona idiota o sumamente gilipollas.  Non sei se a ministra Margarita Robles responderá a algunha ou a varias destas acepcións, pero teño a impresión de que se excedeu dunha forma incompatible co sereno exercicio do poder cando falou dos anciáns defuntos “encontrados” polos militares nos asilos de Madrid. Nunha situación tan sensible como a presente, onde é fácil que a demagoxia se esparexa cun índice de contaxio superior ao do propio virus, os únicos dotados para a pilotaxe da situación son os que poden conservar a serenidade, a firmeza e transmitir confianza, ou sexa sensación de control e calma. Non se trata de que digan as cousas bonitas que nos gustaría oír, pero menos de que nos encirren contra pantasmas só para distraernos. Non se trata de eliminar transparencias, pero fronte aos cadáveres e a morte, sempre se corre un velo de privacidade e serenidade.  É ben sabido que o mellor amigo do home -e da muller- non é o can -ou a cadela- senón o chibo expiatorio. Si.  A historia repítese. Cando algo vai soberanamente mal, focalízanse as culpabilidades noutros, para distraer. Xa o xenio da propaganda alemán Joseph Goebbles dicía no seu principio terceiro: “Se non podes negar as malas noticias, inventa outras que as distraian” ; e no cuarto, no principio da esaxeración e desfiguración: “Convertir calquera anécdota en centro da noticia”. 

Á ministra que non lle apreta o cargo (quédalle grande) fixo as peores declaracións e máis inxustas que se pode. Porque se hai un colectivo implicado no coidado dos nosos maiores é o dos coidadores e as empresas que xestionan o tema. Asilos ou residencias públicas e privadas, laicas e relixiosas, todas adoitan ter o máximo cariño, coidado, amor con eles. Todos os que visitásemos algún destes centros sabemos da dificultade de traballar co máis fráxil da sociedade. E esparexer desconfianza, cunha verdade retorta ata a caricatura, só para distraer do asunto principal, é, no mellor dos casos pura ineptitude, e no peor, só zafiedade. Señora ministra, as empresas e o seu persoal todo, médicos, enfermeiras, auxiliares, limpadores, son xentes esforzadas que se ocupan dunhas persoas en fase de deterioro tal que impide que as súas familias poidan compaxinar a xestión da convivencia diversa co mantemento da vida profesional e familiar.  

A realidade, como vemos, é que os servizos funerarios están sobrepasados en Madrid, e son eles os que fan os levantamentos de cadáveres. Se entran os militares a desinfectar os espazos, e aínda non viñeron a facer o levantamento, o lóxico é que o defunto siga na súa cama, co cuarto pechado. Na dureza das actuais circunstancias de Madrid, o colmo é que desde o Goberno, en vez de promocionar a serenidade e a imaxe de control da situación -para o que hai que limar, por suposto, a aspereza das noticias que nos invaden- se trate de afiar o gume das información para mancar a opoñentes políticos. Como se os defuntos estivesen metidos en bolsas e amoreados nos pasillos. Non señores. Moitos políticos -e políticas- do Goberno e da oposición non están actuando á altura dos problemas. Pero non vou meter eu o dedo no ollo de ninguén, porque agora fan falta todos os ollos, todas as mentes, todos os brazos e toda a serenidade para sairmos adiante.  A ministra debería pedir perdón aos traballadores e empresas do sector. Pero non o fará, é a soberbia da mediocridade no poder absoluto.

Te puede interesar