Opinión

VALLE INCLÁN E OS IMBÉCILES E ESCUROS

Opinión

VALLE INCLÁN E OS IMBÉCILES E ESCUROS

Cando Eduardo Pondal, ese que pasou toda a vida escribindo en galego unha oda á conquista de América por parte de España titulada 'Os Eoas', incluiu na letra do himno aquilo dos 'imbéciles e escuros' pode que non pensase en ninguén en concreto. Hoxe teríao fácil. O setenta e cinco aniversario da morte dese galego e español universal que foi Ramón María de Valle Inclán préstase a fornecer material gratis.


Vaiamos por partes. Valle Inclán era galego e amigo de Castelao. A amizade entre ambos está contada en primeira persoa por Castelao en media ducia de conferencias que pronunciou en América e que están facilmente accesibles para a xente que saiba e queira ler. Pola súa admiración mútua, Castelao foi un dos que lle fixo os decorados para a estrea de Divinas Palabras, en Madrid, en 1934; levou o seu ataúde o día do enterro; fíxolle incluso un retrato de morto e debuxou de novo o decorado en 1939 para as Divinas Palabras da compañía de Margarita Xirgú en Bos Aires. E falou del en varias conferencias en Nova York, Cuba, Bos Aires... Seguramente é o responsable da nota que o Partido Galeguista publicada en 1936 n?A Nosa Terra defendendo a galeguidade de Valle Inclán fronte aos imbéciles e escuros que sempre houbo.


Cando Valle Inclán veu a Ourense en 1934, recíbeo con todos os honores Ramón Otero Pedrayo quen lle fai de cicerone e lle ensina a cidade ?hai fotos- nun percorrido previo a unha cuchipanda no desaparecido Fornos do Progreso que sempre lembrou Otero, e da que algo escribiu. Valle era un amigo e Castelao dicía irónica e saudosamente nesas conferencias, que era máis galego que eles, pois era tan fondamente galego que incluso era esceptico cos galeguistas.


Outra cousa. Evidentemente o que condiciona a pertenza a unha literatura é a lingua vehicular. Shakespeare pertence á literatura inglesa aínda que o seu Romeo e Xulieta estea situado en Italia e o Macbeth en Dinamarca. E as Cantigas de Santa María, escritas en Toledo sobre milagres de todo o orbe cristián son da galega. Claro. Pero hai moito matiz a maiores no tema. ¿Kafka non pode ser reivindicado polos checos? ¿James Joyce non pode ser reivindicado polos irlandeses? ¿A música de U2 é só inglesa? ¿Non podemos presumir da literatura castelá feita en Galicia? ¿Por que?


Sendo medular a lingua na cultura, non o é todo. Moita expresión plástica, musical, etc. carece de lingua... ¿Cal é logo o indicativo para dicir se é galega ou non? Non existe. Todo o feito aquí, ou por xente de aquí. Cultura ten que ver con intercambio, con progreso, con apertura. Nas miñas estancias en Irlanda ou na última viaxe a Chequia nunca me topei a ninguén tan brutamontes e burriño como para renunciar a proxectar no mundo, a Joyce ou Kafka como algo propio, independentemente da lingua na que escribisen. Pois aquí si. Manda truco na Habana. A ruptura coa ética e estética do galeguismo histórico por boa parte do nacionalismo dominante hoxe é pasmosa e déixanos quedar mal, colectivamente. Creo.


Te puede interesar