Opinión

Varrendo pra casa: nós e La Región

Si. Varrer con uve, pois vén do latín “verrere” e nós somos moi fieis á raíz; pero non é por aí, pola etimoloxía, por onde quería ir eu. A expresión “varrer pra casa” ten unha connotación negativa, como de “aproveitado”, “comenenciudo” ou algo semellante. E ben mirado, debería ter case o significado contrario. Vexamos. Non hai nada máis insolidario, guarro, etc. que “varrer pra fóra”. Explícome.

Cando paso pola portas dun local -un bar, por exemplo- e vexo que os donos “varren pra fóra” as cabichas dos cigarros e as ciscan sobre as aceras, pois enfádome. Deberían “varrer pra casa” e facer a xestión correspondente do alí producido. Varrer para fóra sería de maleducados e varrer para casa, de xente organizada e colaboradora. Por suposto que isto non habería que dicilo se o estrado polo chan do local fosen billetes, pero non lles é moi habitual. 

Ben, pois vou “volver polo noso”, aínda que podería tamén dicir “vou varrer pra casa”. Creo, obviamente, que Ourense debe ter un posto principal nas celebracións do ano 2020 no que atinxe ao centenario de Nós. Aquí naceu o movemento por un aliñamento circunstancial: Intelectuais solidamente formados e desacougados co mundo no que vivían -Risco, Otero, Cuevillas-, con mentes abertas a orientacións e maxisterios interesantes -como o de Losada Diéguez-, con amizades e relacións con todos os estamentos sociais da cidade que tamén eran receptivas ás súas orientacións -non fai falla máis que ver a publicidade na Revista Nós- e cun tecido cultural interesante no que impulsar o proxecto.

A tradición de Lamas Carvajal, d’O Tío Marcos da Portela, da Coral de Ruada, etc. abonaran o terreo e o intelectualismo da Comisión de Monumentos e do Ateneo sementou e regou.

E aí está presente La Región. A clave será a personalidade de Ricardo Outeriño, íntimo de Risco e Otero e membro canda eles da parte conservadora do Partido Galeguista ata o esgazamento do 34. Na imprenta de La Región sairán, por exemplo, os 15 primeiros números da revista Nós -os mellores tipograficamente- e entre outras cousas, uns números dunha iniciativa literaria, Galaxia, que publicaron nos anos vinte prosas de Otero e doutros, ou o semanario El Heraldo de Orense e logo El Heraldo de Galicia, que sería máis ou menos o órgano dos galeguistas de Ourense, dirixido por Risco e Outeiriño, que saía os luns e non “competía” logo con La Región. 

E despois da guerra tamén sería o acubillo onde seguirían escribindo e complementando os seus ingresos moitos destes homes. (Alvarado sempre contaba como a Risco lle pagaban por centímetros publicados.) Pásmanos hoxe ver nas páxinas de “Artes y Letras” do xornal, na mesma plana, nos anos cincuenta, artigos de Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas e tamén de Taboada Chivite, Ferro Couselo, Ben-Cho-Shey, etc. E logo cando Alejandro Outeiriño asume a dirección, segue a mesma liña. E así será, por exemplo, o xornal que empezou coa portada en galego para celebrar o Día das Letras, algo que logo seguiron todos.

En fin, La Región terá defectos, coma todo, pero o seu papel destacado como medio próximo á xente de Nós, é algo que debemos recoñecer e lembrar. Énchenos aos ourensáns de satisfacción e orgullo que das cabeceiras vivas, sexa La Región de Ourense a máis próxima e onde máis escribiron os homes que reinventaron Galicia. 

Te puede interesar