Opinión

Vellos e novos hábitos

Se o vento che levanta o tellado todo, debes aproveitar a oportunidade e pensar como repoñelo. Podes optar por botar colmo -era como lle chamaban á palla das cubricións-, tella curva, plana, lousa, uralita, panel sandwich ou o que sexa. (A uralita e o colmo, non os aconsello, pero vostedes verán.)

Pois ben, os ventos covid acaban de levantarnos a vida e cambiarnos os horarios e a circulación polos territorios. E, como se do tellado se tratase, deberiamos aproveitar e facer boa a mala ocasión, e modificar os nosos habituais horarios vitais para facelos máis adecuados á natureza e ás nosas relacións humanas. Podiamos, miren que cousas, incluso eliminar o cambio de hora legal -a min non me molesta nada- e facer, no seu lugar, un cambio de horarios laborais a todos os niveis en datas semellantes. O efecto sería o tal: acompasar máis a vida co sol. 

O chamado dos hosteleiros para que a xente cee fóra da casa ás sete e media ou oito paréceme boa idea. O horario que habería que promocionar, creo eu, é aquel que, como o europeo típico e tradicional aquí ata os anos vinte, harmonizase máis vida e traballo. Un que comezase cunha boa refección -tipo breakfast ou pequeno almoço- con leite, zume, ovos fritos, xamón, etc. para empezar o día con forzas a iso das sete ou sete e media da mañá. E que se faga a outra comida forte doce horas despois, máis ou menos, isto é ás sete ou oito da tarde, deixando a intermedia -sobre as doce ou unha- como algo máis lixeiro que nin sequera corte con desprazamentos de aquí para alá os traballos, reduciríase mobilidade e interacción social. Así, como en boa parte de Europa, poderíase traballar de nove da mañá a cinco e media da tarde. Oito horas de traballo con media de parada para o “lunch”. E se un remata ás cinco e media, quédalle tempo de facer moita cousa. E se cea ás sete e media, aínda ten tempo despois dela para facer algo máis que deitarse coa barriga chea. Lembro un par de veráns en Irlanda, onde a xente quedaba para xogar ao golf ou ao tenis despois de cear; claro que aínda era día, pois alá arriba, nese tempo, aínda se facía noite despois que en Galicia.

En fin, os horarios son un tema. Pero hai outro aínda máis importante: como repartimos o traballo futuro. Está claro que coa introdución do maquinismo e robótica de última xeración, non vai cumprir que traballe todo o mundo oito horas cinco días á semana, e ademais vai ser imposible porque non vai haber traballo físico que repartir e o intelectual estará moi repartido coas máquinas. Parece lóxico, pois, repartir e que todo o mundo traballe, digamos catro, incluso menos días á semana, antes de que a metade traballe para xerar recursos para si, e para os que non teñen acceso ao traballo. Non descubro o Mediterráneo dicindo isto, pero agora, nesta situación de crise -de oportunidade, tamén, claro- pode ser o momento de impulsar reformas nestes campos.

Ben sei que son temas diversos, que abro moitas liñas de combate, pero, se temos que andar con salvocondutos polas estradas, se non podemos saír das casa despois dunha hora, se andamos como zapatistas, coas caras tapadas, é que estamos en guerra. E se estamos en guerra, hai que defenderse, hai que atacar, hai que disparar e ocultarase e pensar como construiremos a paz cando gañemos a guerra. Por iso falo. Para soñar un futuro mellor despois da vitoria.

Te puede interesar