Opinión

Veñen tempos do noso

Debía ter eu 18 anos e andaba coa mochila ó lombo polo do sur de Francia, sen destino fixo. Lembro un cartel nunha estación de tren. Se cadra Saint Jean de Luz. Do Ministerio de Turismo. Víase a típica parella de mociños sorrintes cunha mochila ao lombo e unhas imaxes alpinas detrás. O texto era un apelo aos mozos franceses a que coñecesen o seu país ben antes de andaren por “fóra”. E si, entre os mochileiros nunca houbo moito francés. 

E isto veume á cabeza porque creo que ao igual que despois da gripe do 1918 (propiamente do dezaoitio, dezanove e vinte) houbo unha volta de ollos ao próximo, haberá, creo e estaría ben, un interese anovado nas cousas de noso. A globalización no periga, pero cómpre matizala: non pode ser China a fábrica única do mundo, e non podemos andar nos avións de aquí para alá por ben pouca cousa. Ademais os prezos hanse duplicar, pois co mesmo gasto de avión, poderán ir a metade de pasaxeiros. 

E si. Iamos ver os “mirantes” de Río, e o Pao de Açucar... Ou papar con La Habana Vieja. Vale. Pero agora son outros tempos. E a vista desde Penagache? E os Penedo dos Tres Reinos? Canto hai que non vai ás Fragas do Eume? Viu o amencer na Serra do Leboreiro? E o solpor na Xiradella? Paseou polos soutos do Courel? E coñece os penedos de Pena Corneira? Deambulou polas caída sobre o mar, por exemplo, na zona de Oia? Coñece o teixedal de Casaio? Subiu á serra do Galiñeiro? E o monte Xaxán? Coñece o paseo ao lado do Río Barbantiño en Ponte Mandrás?

Señores, cambia o ciclo. Volvemos os ollos ao que está máis preto, o que é máis de nós. E descubriremos un mundo que namorou xeracións e agora vemos esmagado por unha modernidade alleante. Coñece vostede Riazor, Samil e Praia América? Si? Pero en Galicia hai máis de setecentas praias. Se fose cada día a unha no mes de verán cumpriríanlle máis de vinte e tres anos para velas todas. Viu o mar portugués desde Ourense? Desde o Miradoiro do Encoro, no alto de Santa Eufemia? Viu o mar das rías de Vigo e Pontevedra desde os curutos ourensáns da Serra do Suído? Cando foi a última vez que paseou pola beiras do Sil na Rúa ou no Barco, ou o Arnoia en Baños de Molgas? E subiu ata os Penedos da Urdiñeira? E á Lagoa da Serpe? E ó val da Morteira? 

E como viaxando miramos coa nosa medida das cousas, lembro unha viaxe a un lugar famosísimo no sur de Dublín, Glendalough. O sitio era bonito, si. Pero non máis có paseo de Cachamuíña. En fin, veñen tempos de ler de novo o fermoso texto de Vicente Risco, aquel que di: “Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo. Cada terra é como se fose o mundo enteiro. Poderala andar en pouco tempo do norte para o sur, do leste para o oeste noutro tanto; poderala volver andar outra vez e máis: non a has dar andado. E de cada vez que a andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e dende logo, moito meirande de como ti a ves. ¿Non din os filósofos que o home é o “microcosmos”, o compendio, o resumo do universo todo? Para canto máis unha terra con todos os homes que nela viven (...) Do grandor do teu espírito depende todo; canto máis pequeno sexa, máis terra precisará. Se o teu pensar é fondo, a túa terra, para ti, non terá cabo; nela estará o mundo con todos os seus climas. Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena, es ti, que endexamais poderás concibir nada grande. 

Risco á parte de pequeneiro, era un pouco faltón. Pero algo de razón tiña. Veñen tempos de recoñecer o país no que, creo que por sorte, nos cadrou nacer. 

Te puede interesar