Opinión

Ventos do sur (I): saltón ou gafanhoto?

No verán de 1977 participa o servidor que estas notas enfía xunto con dous

mozos máis do grupo do Museo de Ourense nunha escavación na Serra da Aboboreira, nas Terras de Amarante, xusto ao norte do río Douro. Os traballos dirixíaos Vítor Oliveira Jorge xunto cun equipo de estudantes de Lisboa e do Porto. Xa daquela, antes dos Erasmus, era frecuente xa que os estudantes de arqueoloxía nos movésemos a ambos lados da raia, pois as relacións entre os nosos mestres -José Carlos Sierra e Paco Fariña, en Ourense- e os colegas do sur seguían como as que tiveran as xentes de Nós, sobre todo Risco, Cuevillas e Xoaquín Lorenzo con Santos Junior e outros.

E nas escavacións, coma sempre, había traballadores das aldeas próximas que facían labores de carrexo de terras, etc. A relación entrambos grupos sempre a vivín como positiva para ambas partes: terra e libros, da man. E lembro como eses operarios das aldeas de Baião nos escoitaban con suma curiosidade. Sorrían cando diciamos “auga” coma eles e non “água” como o portugués estándar, que ten a nosa forma por vulgarismo; e máis cousas. E teño ben presente un día que entre a terra algo choutou e identifiquei en voz alta como “saltón” –“saltamontes” en castelán, claro- e, á miña beira, unha estudante lisboeta, un pouco repunantiña ela, rosmou “Saltão, saltão... É gafanhoto!”. Eu, instintivamente, dixen “O que?”. “Gafanhoto; é asím como se chama em portugués”, contestou. Calei, sorprendido pola palabra, e sobre todo, polo ton, baixei a cabeza e seguín escaravellando na terra. Un dos operarios, todo ollos, achegouse discretamente á min e fíxome unha confidencia en voz baixa: “Nós tambem lhe chamamos saltão; gafanhoto nunca tinha eu ouvido. O que os senhores falão -nós os tres- tem muitas máis cousas a ver co nosso portugués, do que o do pessoal este de Lisboa”.

E esta estoria venlles a conto de que o outro día comprei en Porto un opúsculo titulado “Dicionário do calão do Minho” de João Carlos Britos, sobre a fala do norte de Portugal e sorprendinme da cantidade de palabras e expresións comúns entre o galego e o portugués do norte que explica aos falantes do portugués padrão, para que entendan. Algúns exemplos:

“ A jeito: de feição”; “Á minha beira”: junto a mim. Ex. Senta-te á minha beira”, “Aboiar: vir á tona da água”; “Acarrejar: Fazer fretes”; “Adicatória: dedicatórica”; “Afanar: roubar”; “Agarimado: abrigado”; “Alumiar: iluminar”; “Amodinho: andar devagar”; “Amorrinhado: Doente, aborrecido”; “Amouchar-se: encolher-se no sentido físico ou psicológico”: “Anaco: pedaço”; “Anho: cordeiro”; “Arrebolar: Atirar um objecto”; “Atopar: Achar”... E se pasamos ao B, “Bico: Beijo”. E se pasamos ao C, “Cerdeira”: cereijeira”. Ao Ch, “Chisco: um bocadinho”. Ao D, “Dêbeda: dívida”; “Dreito: direito”. Ao E, “Empiriquitado: Muito bem arranjado”; “Engivas: Gengivas”; “Escoitar: escutar”; Escachar-se: “Partir-se (a rir)...”. Etc. Xa ven.

E onde vou? Pois a que as linguas cada vez máis seguen os ditados dos “centros”; así, o portugués patrão é cada vez máis o lisboeta -máis desgaleguizado- e o galego, cada vez máis estándar e light. Pásmome cando os meus alumnos de Ourense usan “ti” e “choiva”, e outras cousas inauditas ata hai pouco tempo nestas terras. E no castelán de Galicia, sabémolo, cada vez séntense menos enes velares e máis tempos compostos. Tal que nos media ou en Madrid. 

Para calquera cousa que se fale de achegamento ao portugués, cómpre ter moi presentes estas cousas. Creo. Seguirei remoendo nos próximos días.

Te puede interesar