Opinión

Ventos do sur (II): perros, mariposas e repolhos

VENTOS DO SUR (II): PERROS, MARIPOSAS E REPOLHOS

Téñolles que dicir que case leo máis en portugués ca en galego. Síntome cómodo asomado a esta fiestra grande que dá ao mundo. Gústame ver o Moçambique de Mía Couto; o Cabo Verde de Germano Almeida; percorrer a memoria de Calouste Gulbenkian da man do Jose Rodrigues dos Santos; vivir os inicios do século XVI en Lisboa co primeiro rinoceronte chegado a Europa, na escrita do Sérgio Luís de Carvalho; percorrer os camiños de Europa con Prisciliano e Exeria, na idea do Alberto S. Santos. E a verdade é que lles estou un pouco aborrecido dos temas obrigados, na nosa politicamente correctísima literatura galega actual, da guerra civil, inmigración, problemas de xénero, adolescencia... Creo que en portugués -e en castelán- os autores son máis libres. Por iso, cada vez que vou ao noso aeroporto grande, ao Saa Carneiro, aproveito para comprar algo; ben nas poucas librarías que resisten no Porto, ben no propio aeroporto. Pena non se vendan aquí. 

E lendo a lapela do libro que lles dixen de Luís de Carvalho, vexo que a súa obra está traducida en varios países e “em Espanha (em castelhano e galego)”. E por aí quero ir eu. É mellor ler castelán e portugués sen traducir; de entendermos á lingua orixinal, moito mellor. Sábeno ben os mozos espabilados que aprenden inglés “de seu”, coas series de Netflix. E creo que as pequenas dificultades que presente o portugués escrito para os galegos son, en realidade, oportunidades. Oportunidades de aprendizaxe e para practicaren e melloraren unha lingua próxima, irmá moi achegada, pero non é a mesma, no sentir popular actual. Realmente as dificultades redúcense ao uso literario das xergas marxinais e modismos actuais, onde si, hai evidente distancia, pero nunca na lingua dos clásicos -de Eça de Queiroz a Saramago, por dicir algo- nin da novelística actual. Porque as diferenzas ortográficas de nh por ñ ou g, j, ss por x, ção por ción, e poucas máis, nunca foron barreiras, nin para o elemento popular nin para o culto. E lendo en portugués decátase un do inzada de castelanismos que está a lingua lusa e a normalidade coa que o xestionan. Perro e mariposa, por exemplo, funcionan como sinónimos de cão e borboleta e non pasa nada. Senhoras e cavalheiros, é o saúdo protocolario, porque para “cavaleiro” cómpre vir a cabalo. Repolho é o noso “repolo”, etc. Pero ollo, o vocabulario é categoría aberta polo que se poden integrar as pezas que queiramos. Non así, claro, fonética, sintaxe, morfoloxía, etc. E alí, o castelán non lles deu metido o fociño como fixo connosco. E o exemplo da elasticidade lexical dos portugueses paréceme bo para seguírmolo nós con eles. Dentro da aproximación que todos sentimos que debemos ter coa cultura lusa, non estaría de máis posibilitar como sinónimos das galegas, así, a feito, as correspondentes palabras lusas. Explícome. Por que non aceptar “florestal” como sinónimo de forestal, ou “xelo” e “xelado” ao canto dos seica nosos xeo e xeado? Por que non admitir, tamén, que unha compañía que fai seguros pode ser unha compañía seguradora. Sumaría sen restar, velaí a clave. En fin, eu aceptaría “frango” como sinónimo de polo. Nunca se dixo? E que máis ten? Non sabemos todos que o é? E hai trinta anos ninguén sabía o que era “avaliación” ou “beiravía”. En fin, gústame ler en portugués lágrima, labio, demonio, e tamén bágoa, beiço e demo. Enriquecen a lingua os sinónimos. Seguiremos.

Te puede interesar